Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAO Valadouro

Manuel Lourenzo: “O teatro é un traballo duro que esixe que sexamos fortes”

Por 30 Maio, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios

Manuel Lourenzo, nado en Ferreira do Valadouro, é un actor, dramaturgo, director teatral, tradutor, e dinamizador de diferentes iniciativas teatrais, ademais de ser galardoado recentemente co premio de Honra dos Mestre Mateo.

Por Ana Somoza López.

Dende cando se adica ao teatro?

Eu fixen teatro xa desde moi neno no Valadouro. Lembro que o primeiro que fixen foi cantar nunha zarzuela e depois no colexio das monxas unha obra a cal tiñamos moi pouco ensaiada. Pero marchei do Valadouro aos 13 anos para estudar o bacharelato na Coruña.

Como foron eses tempos na Coruña?

Os primeiros anos na Coruña eu estiven interno, é dicir, saía os domingo a dar un paseo nada máis. A pesar de todo comezei a ter amizades e a saber cousas, e xa pasado un tempo comecei a aproveitar os domingos dunha maneira máis libre para ir a sitios e coñecer máis mundo. Despois funme fóra, estiven dous anos en Alemaña e aproveitei para aprender moitas cousas respecto ao teatro, á ópera, o ballet, todo sobre as artes escénicas. E xa ao regresar xa me dispuxen dunha maneira máis concreta a adicarme ao que me gustaba verdadeiramente, o teatro.

Como comezou entón?

Como era moi díficil xa que non había escola aquí, comecei pola miña conta a traballar con Pancho Pillado e sobre todo no teatro galego, é dicir, que por unha parte eu quería facer teatro porque o que me interesaba era a acción escénica e todas as cousas que se podían plantexar fóra dun escenario, nun lugar que non necesitase ser espazo teatral nin estar pechado.

Arriba, Lourenzo recollendo o premio Mestre Mateo e, abaixo, no papel de Terito na serie Fariña

Entón dediqueime por unha parte ao estudo da historia máis ou menos descoñecida do teatro galego anterior a miña época e xa despois investiguei cousas pola miña conta. Pero o caso é que fixemos moitas publicacións nos cadernos da Escola Dramatica Galega e en revistas de moitos lugares.

Tiñan sitio para ensaiar ou amosar as súas obras na Coruña?

Si, mercamos un baixo moi grande e convertímolo nun teatro. Non era extraordinario, pero era cómodo e tiña sitio para unhas 50 persoas. Viñan grupos teatrais de toda España sobre todo do País Vasco e todas as semanas había obras coas que desfrutar. Tamén actuou o grupo uruguaio, El Galpón de Montevideo, unha institución teatral no seu país.

Estivo en grupos teatrais?

Movinme bastante co Teatro Circo, un grupo independente, e tamén coñecimos moito teatro peninsular e tivemos moito contacto con grupos portugueses o cal foi unha experiencia excelente.

Aprendeu outras maneiras de traballar?

Si, por exemplo na Coruña metinme na Coral Polifónica Follas Novas e co seu Mestre Mir Felix aprendín música, armonio, etc. Foi un excelente profesor. E tamén en Follas Novas contrataran a unha directora de danza que era extraordinaria.

Conta con numerosas obras, algunha que lembre con especial agarimo?

As que levamos ao festival de Sitges que eran máis ben obras de gran formato como Edipo rei en 1983 ou obras de Shakespeare, versións de clásicos pero cunha linguaxe contemporánea pero respetando absolutamente a temática.

Traballou e aprendeu con Pepe Estruch, non?

Si, algúns fumos alumnos de Pepe Estruch, que era o profesor que máis sabía e ademais tiña un don para transmitir todo, e o que querías era que non pasase o tempo porque aprendías moito. Ademais chegamos a telo como un amigo e tamén viña ao noso teatro. O legado que recollín del foi: inventar o espazo e o tempo cando se fai teatro no momento propio de ensaiar, porque o espazo non é unha cousa real é unha entelequia e entón se o inventas xa é teu e polo tanto é un temor menos á hora de actuar; e co tempo paso igual, se o inventas e ves o que che convén para esa acción, e entre o que ti sabes e o que che di o director, xa tes o traballo medio feito.

Foron dous personaxes audiovisuais os que lle deron unha inmensa popularidade entre o público: o pescador Melgacho, na serie Mareas Vivas e Vicente Otero, Terito, na serie Fariña. Como lembra estes momentos?

Manuel Lourenzo representando a Melgacho na serie Mareas vivas e, algunhas das súas obras

Chamáronme varias veces e negueime outras tantas, pero o director de Mareas Vivas chamoume para facer o papel de Melgacho e díxenlle que non por traballo no noso teatro. Chamoume unha segunda e o mesmo, e a terceira díxenlle que si. O último papel que fixen en televisión foi o de Terito en Fariña. E foron dous personaxes que lembro con agarimo.

Entón teatro ou television, que prefire?

Teatro sempre. A televisión e o cine gústame moito sobre todo porque compleméntanse moi ben xa que son máis precisas ou preparadas. Pero eu prefiro o teatro, un lugar chao e libre, sen decorados, no que o que importa é o espazo e o tempo e ter aos espectadores ao arredor.

Durante a súa carreira colleitou numerosos premios? 

Teño bastantes premios literareos e teatrais nas miñas costas, e este ano recibín o Premio de Honor Fernando Rey nos Mestre Mateo, unha homenaxe a toda a miña carreira. Tamén conto co Premio Nacional de Literatura Dramática concedido en 1997, o Premio de Honra Marisa Soto que o recibín en 1998, un Pedrón de Ouro, un Otero Pedrayo, un Maruxa Villanueva… É ademais son profesor Honoris Causa pola ESAD e Socio de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Pero o mellor premio para un dramaturgo é ver a súa propia obra no palco.

Como está o teatro en Galicia?

Non sei como está exactamente, pero habería que botar unha ollada a Vigo, onde hai unha escola de teatro moi boa que conta con bastantes medios aínda que nunca son suficientes, e tamén habería que ver que sae de ahí e que fan estes rapaces despois de rematar a carreira.

Como pasou a pandemia?

Estiven na Coruña todo o tempo pero non encerrado na casa xa que tiña traballo que facer. Saía polas mañás a pasear e despexar a mente para despois escribir e facer correccións de obras que están para publicarse.

Como ve a pandemia coas artes teatrais?

Pois haberá unha influecia moi negativa creo eu. Porque nesta época coinciden moitas cousas como as restricións ou os aparatos tecnolóxicos. Pero mentras haxa unha ocasión para que a política reserve uns cartiños, rapidamente desaparecen as cousas menos potentes, e o teatro xa sabemos que anda dun lado para outro e é unha das primeiras zocas que caen. Pero o tema da cultura aquí en Galicia é moi perigoso pois sempre está nas mesmas mans, politicamente falando. Por exemplo eu vexo que o Cento Dramatico Galego non ten diñeiro suficiente para sobrevivir, e dame angustia.

As persoas que se dedican ao teatro que o pensen moi seriamente porque é un traballo duro e o que tes enfrente sempre é a negativa, a oposición…. pero é un traballo que esixe que sexamos fortes para defender o noso, que é facer teatro, cine, televisión, todo o que signifiquen as artes escénicas.