Skip to main content
Viveiro

Viveiro publica a ordenanza da saca da madeira

Por 25 Maio, 2021Sin comentarios

Concello de Viveiro informa da publicación no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP), o xoves 20 de maio de 2021, da Ordenanza Reguladora do uso común especial dos viais municipais para a saca de madeira. Dita ordenanza fora aprobada inicialmente polo pleno municipal o pasado 4 de maio de 2021.

O prazo para a presentación de reclamacións e suxerencias contra dita ordenanza será de trinta días hábiles tras a súa publicación no BOP. As reclamacións e suxerencias presentadas deberán ser resoltas polo Pleno da Corporación, para proceder á aprobación definitiva da Ordenanza.

No suposto de non haber reclamacións ou suxerencias, o acordo inicial da aprobación considerarase definitivo.

Esta ordenanza, aprobada por unanimidade, ten como finalidade velar pola debida conservación dos viais de titularidade municipal, en relación cos danos e desperfectos que poden sufrir os mesmos como consecuencia das operacións de saca de madeira.

Neste proceso, inclúense as operacións preparatorias da corta de madeira, almacenamento e transporte, así como as operacións preparatorias, almacenamento e transporte da biomasa ou restos xerados pola corta.

Resulta tamén prioritario o interese en protexer ás persoas, vivendas e outras edificacións nos supostos de incendios forestais; e para iso é esencial que os viais de acceso ás zonas forestais se atopen sempre en perfecto estado.

O Concello de Viveiro recalca a súa consciencia sobre a importancia do sector forestal, pero tamén da incidencia que esta actividade pode ter na conservación e mantemento das infraestructuras viarias de titularidade municipal.

Por iso, o goberno local pretende que esta ordenanza faga compatible a actividade de aproveitamento forestal coa preservación do medio natural, a protección paisaxística, a conservación dos camiños e a seguridade vial, regulando o uso especial dos viais de titularidade municipal para a saca de madeira.