Skip to main content
Viveiro

O PP viveirense denuncia que non se solicitara a Costas a apertura do acceso á Sacido

Por 28 Maio, 2021Sin comentarios

“O goberno de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro, é un exemplo de como se poden perder oportunidades e deixar pasar trens aos que o municipio tería que subirse para mellorar as súas posibilidades de desenvolvemento económico e social”, así o di o portavoz popular, Óscar Rodríguez, que destaca que o Concello deixou pasar a oportunidade de participar no plan Actívate, da Deputación, e agora perde a ocasión de entrar no programa de mellora de accesos a praias. É, di Óscar Rodríguez, “unha oportunidade perdida para abrir o acceso á praia de Sacido. Os populares presentarán preguntas no próximo pleno en relación con este asunto”. 

Óscar Rodríguez lembra que “con data 11 de maio puidemos ver na prensa que por parte de Costas vaise proceder o arranxo do acceso de distintas praias da Mariña; son accesos que están pechados e a Subdelegada do Goberno manifestou que estes traballos están incluídos no Plan de Conservación e Mantemento do Litoral”. Explica que, polo que publicaron os medios de comunicación, hai intervencións previstas en Barreiros, Foz e Burela, “pero non vemos nin unha soa partida para Viveiro”. 

O portavoz popular di: “En Viveiro, o areal de Sacido leva catro anos sen acceso; ademais de ser unha praia fermosa, está ao carón dun hotel de catro estrelas. O acceso pechado dá unha imaxe deplorable e priva do seu uso a veciños de Viveiro e aos visitantes”. 

Os populares queren saber por que Sacido non está incluída no citado programa. Preguntan ao goberno se ten algún proxecto para abrir o acceso a esta praia e, de ser así, en que prazo.

Rodríguez sinala “unha e outra vez queda de manifesto o desinterese e a falta de capacidade de xestión tanto da alcaldesa como dos membros do seu equipo. É incomprensible que Viveiro quede fora do citado plan estatal; é unha demostración máis da total falta de peso que ten a señora Loureiro no PSOE”.