Skip to main content
Viveiro

Mestras composteiras visitarán ás familias de Viveiro

Por 28 Maio, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro puxo en marcha un programa de compostaxe e informa ás familias participantes que as mestras composteiras visitarán a  próxima semana as súas vivendas para resolver as súas dúbidas.

Este proxecto, dentro da iniciativa #ViveiroSustentable, está axudando a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e o compromiso adquirido polo Concello de Viveiro de redución de CO2 no seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable, aprobado o ano pasado.

Durante esta semana o Concello de Viveiro estase poñendo en contacto coas familias implicadas para programar ás visitas das dúas mestras composteiras, que chamarán as portas das vivendas onde están instalados os composteiros.

As visitas serán entre o 31 de maio e o 4 de xuño. Apuntarse ao programa de compostaxe doméstico é gratuíto e aínda e posible facelo. 

Nestas visitas, comprobarase o estado do proceso de compostaxe e resolveranse dúbidas sobre o mesmo. Todas as familias teñen a súa disposición un correo electrónico e un número de teléfono para facer consultas sobre esta temática. Esta visita de seguimento trata de reforzar a conexión coa veciñanza e motivar a continuar facendo un bo traballo polo medio ambiente.

“O Concello de Viveiro pretende con esta aposta pola compostaxe que os residuos orgánicos xa non cheguen aos colectores da rúa, pechando así o ciclo da materia nos propios fogares. Así mesmo, traballarase con catro centros educativos que tamén están implicados no programa”, explica a alcaldesa, María Loureiro.

Para participar de forma gratuíta no programa é necesario completar un formulario (https://cutt.ly/yhO5rrF), enviar un correo electrónico a  viveirosustentable@mediagesgm.com ou chamar ao número 675 507 832.

O único requisito para formar parte deste programa é ser veciño/a do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a para formar parte deste proxecto educativo e formativo. A iniciativa, de financiación europea, conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.