Skip to main content
Viveiro

Un centenar de familias súmanse ao programa de compostaxe de Viveiro

Por 31 Maio, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro informa que máis de 100 familias do municipio participan no programa de compostaxe #ViveiroSustentable, impulsado polo goberno local. No marco de dito proxecto, as Mestras Composteiras están visitando esta semana os fogares de Viveiro para aconsellar en materia de reciclaxe. Ademais, achéganse ás casas que aínda non teñen o seu composteiro para informar de que é posible solicitalo e recollelo no pavillón municipal. 

Dende o goberno municipal agradécese a implicación no proxecto deste centenar de familias, cuxo compromiso supón un gran empuxe para o medio ambiente en Viveiro. Ademais destes fogares, os centros educativo CEIP de Santa Rita, Lois Tobío e Covas e ao IES María Sarmiento tamén están implicados no programa de compostaxe. 

Así, o Concello de Viveiro anima á veciñanza a sumarse a esta iniciativa, seguindo o exemplo das máis de cen familias participantes, e a traballar arreo por defender o medio ambiente e loitar contra o cambio climático.

O Concello de Viveiro pretende con esta aposta pola compostaxe que os residuos orgánicos xa non cheguen aos colectores da rúa, pechando así o ciclo da materia nos propios fogares.

Para participar de forma gratuíta no programa é necesario completar un formulario a través de: https://cutt.ly/yhO5rrF, enviar un correo electrónico a  viveirosustentable@mediagesgm.com ou chamar ao número 675 507 832.

O único requisito para formar parte deste programa é ser veciño/a do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a para formar parte deste proxecto educativo e formativo.

A iniciativa impulsada polo goberno local conta con financiación europea e co apoio da consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.