Skip to main content
Xove

O alcalde de Xove reclama ser recibido por Tomé para tratar sobre as obras nas estradas

Por 10 Maio, 2021Maio 12th, 2021Sin comentarios

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, volveu solicitar novamente unha reunión co presidente da Deputación, José Tomé, para poder avanzar sobre a reparación nas estradas provinciais, “que se atopan nun estado lamentable e son un perigo para o tráfico rodado”.

Segundo indicou o mandatario, “levo xa varias reunións pedidas e aínda non me respondeu”. Explica Salgueiro que o concello de Xove tiña subscrito co anterior presidente da Deputación un protocolo de actuación mediante o cal a metade dos fondos para o arranxo destas estradas ían con cargo ao Concello.

“Creo eu que somos o único concello da provincia que colabora co 50% do custe do amaño, polo que non entendo porque non podemos seguir avanzando nesta cuestión”, afirma.

Lembra o dirixente popular que nun Pleno da Deputación, por acordo do PSOE e o BNG, anulouse este protocolo “algo totalmente incomprensible” e avanza Salgueiro que está disposto a buscar unha solución alternativa “se ese protocolo non lle gustaba”.

Demetrio Salgueiro manifestou o seu malestar porque non o recibise aínda o presidente da Deputación para tratar este tema. “Levo pedindo unha cita dende hai dous anos cada pouco por vía telefónica e agora xa optei por mandarlle unha carta quincenal”, di e explica que foi recibido pola deputada García Porto “pero co presidente aínda non puiden falar”.

Considera o alcalde que “é o presidente de todos, sexan da cor política que sexan, polo que deberíamos ter en Xove a mesma consideración que no resto de Concellos xa que vemos que noutros concellos estanse a amañar as estradas e na nosa non, o que me parece unha falta de respecto de cara aos veciños”.

OBRAS EN MARCHA

Por outra banda, o alcalde avanzou que están a facer obras na estrada que vai de Portocelo a Villalpol, unha obra de gran envergadura que supón o ensanchamento da vía ata os seis metros. Ademais, estase a poñer unha capa de aglomerado en quente.

Ademais, destes traballos, figura tamén a reposición dun muro e as obras de drenaxe e canalizacións.

Estas obras teñen un orzamento de máis de 200.000 euros e o Concello espera telas listas antes do verán.

A continuación tamén esta previsto acometer as obras en accesos principais aos distintos núcleos da zona, todo elo con cargo ao Plan Único.