Skip to main content
Axenda Caducada

Chega a novena edición do Campus de Verán Xuvenciencia

Por 8 Maio, 2021Xullo 2nd, 2021Sin comentarios

O grupo de innovación docente do Campus de Lugo XuvenCiencia organizará do 28 de xuño ao 2 de xullo a novena edición do Campus de Verán Xuvenciencia, un programa de formación e divulgación científico orientado a estudantes preuniversitarios que recupera o carácter presencial na súa novena edición. O prazo de inscrición neste campus científico, que ofrece un total de 65 prazas, permanece aberto na web de XuvenCiencia desde as 15.30 horas deste venres ata o 14 de maio. O programa permitirá ao alumnado matriculado de 4º de ESO, BAC e ciclos medios de Formación Profesional poderá tomar parte en once proxectos ademais de participar noutras seis actividades de temática científica.

O Campus de Verán XuvenCiencia 2021, despois da “edición en rede, que non virtual” dunha última edición condicionada pola COVID-19, presenta unha formato en proxectos para así adaptarse a un contexto aínda excepcional por mor da pandemia. Daquela, fronte as 65 persoas que formalicen a súa matrícula nesta experiencia científica traballarán en grupos burbulla, con 5 ou 6 estudantes implicados en cada un dos proxectos e obradoiros programados, a fin de garantir as condicións de seguridade, segundo explicou a coordinadora de XuvenCiencia, a profesora Mercedes Novo.

O alumnado poderá así escoller entre dez proxectos e un obradoiro de medios de comunicación. Asemade, o programa propón actividades que serán para o conxunto das/os participantes, como un roteiro cultural e medioambiental pola contorna de Lugo, a través do Camiño Primitivo e os ríos Miño e Rato, ademais de obradoiros de tarde para a representación gráfica de datos e a elaboración de vídeos de divulgación científica e de YouTube, que despois participarán en concurso no Festival de Vídeos XuvenCiencia. Haberá, ademais dalgunha sorpresa, charlas divulgativas e unha auténtica Feira de Ciencia no Campus de Lugo.

O Campus XuvenCiencia 2021 ofértase en réxime de aloxamento e pensión completa en residencias e comedores universitarios do Campus de Lugo. O estudantado estará acompañado en todo momento por monitorado cualificado e para os seráns e as noitiñas está previsto o programa Lumieira Acompaña. As entradas e saídas dos e das alumnas realizaranse o domingo 27 de xuño e o sábado 3 de xullo.

Reserva de praza

O Campus XuvenCiencia de Verán adoita esgotar as súas prazas en cuestión de minutos. Para aumentar as opcións daqueles/as aspirantes a xuvencientíficos que viven en áreas con peor cobertura de internet ou que o día da preinscrición, polo que sexa, non teñen acceso, nesta edición introdúcese unha novidade no proceso. “Adxudicaremos a metade das prazas na orde da recepción da preinscrición e a outra metade por sorteo entre todo o alumnado inscrito. Asignamos os proxectos seguindo as preferencias de cada un/unha seguindo unha orde aleatoria, non por orde de inscrición. Deste xeito aseguramos a todo o alumnado as mesmas oportunidades de optar aos seus proxectos preferidos”, explica Mercedes Novo.

Rede de escolas da Montaña de Lugo

Cinco das prazas deste Campus de Verán XuvenCiencia están reservadas para outros tantos alumnos/as, unha por cada un dos centros que este curso participaron no Congreso Científico da Montaña de Lugo: do Courel, Pedrafita, Cervantes, Becerreá e Mondoñedo. XuvenCiencia quere distinguir así o labor realizado polos centros que integran a rede de escolas pola ciencia da Montaña de Lugo, á que se suma, ademais dos anteriores, o de Navia de Suarna, que este ano tivo que ausentarse do congreso pola pandemia. 

A estes colexios e institutos o traballo en rede permítelles a elaboración e edición de videoclips colaborativos de contido ambiental e/ou científico, participar en feiras e eventos estatais e tamén gañar numerosos premios. “Parecíanos pertinente este recoñecemento para un alumnado e un profesorado que se esforza en promover un coñecemento consciente sobre a súa contorna que axuda a poñer en valor o lugar do que proceden”, sinala Novo. 

Proxectos 

Análises clínicas: que me pasa, doutora? Coñecerase o valor das análises clínicas como ferramentas para valorar o estado de saúde dos animais e o diagnóstico das enfermidades. Como sabemos se un can ten unha anemia? En que se diferencian o sangue dos mamíferos e o das aves?

Animal CSI: realidade ou ficción? Aproximación a algunhas das técnicas empregadas nos laboratorios para determinar a causa de morte en animais, que ás veces causa grande interese social ou mediático: foi envelenamento? Falta de coidados? Hai risco para a saúde humana ou/e animal?

AquaLab. Sistema de monitorización ambiental con arduino. Mediante hardware de fonte aberta arduino, e tamén sensores ambientais de baixo custe, as e os estudantes rexistrarán parámetros do noso medio ambiente: temperatura, humidade do aire, etc.

Árbores en tubos de ensaio. Como clonar unha árbore a partir dun fragmento minúsculo? Semella maxia, pero é ciencia. O cultivo in vitro permite obter copias de árbores xeneticamente idénticas en grandes cantidades nun tempo moi curto e nun espazo reducido. 

Controla e constrúe robots! Ensamblaranse pequenos robots e sistemas automatizados e o alumnado aprenderá a programar un microcontrolador para manexar os sensores destes pequenos robots.

Estratexia para o desenvolvemento dunha idea. Traballarse en equipo para a creación dun produto innovador e a súa promoción a partir de estratexias de márketing e publicidade, como a elaboración dun anuncio. 

Fotosíntese artificial. Na procura de novas fontes enerxéticas. O obxectivo deste proxecto reside en descompoñer auga tanto por vía fotoquímica como electrolítica. Desde xeito procurarase remedar nun laboratorio un proceso natural como é a fotosíntese.

Impresión 3D. Converte unha idea en realidade. O alumnado converterá unha idea nun obxecto real a través de modelado tridimensional mediante software de uso cotián no mundo da enxeñaría. Posteriormente procederase ao seu tratamento para a impresión 3D e obterase o produto imaxinado. 

Investigando as proteínas. Cuantificaranse proteínas en diferentes mostras mediante un método colorimétrico e analizaranse a través dunha técnica de laboratorio chamada electroforese en xel de poliacrilamida. 

Novas miradas docentes: outras maneiras de ensinar e aprender. Os/as estudantes experimentarán con distintos recursos e metodoloxías: dramatizacións contra os estereotipos de xénero, retos motores para a cooperación e a estratexia colaborativa, prácticas para sacar a ciencia dos libros de texto e resolución de problemas con GeoGebra.

5W Obradoiro de xornalismo. Coñeceranse os segredos da comunicación científica, crearanse contidos exclusivos para o Magacine XuvenCiencia. Os/as alumnos deste obradoiro serán os correspondentes oficiais do Campus de Verán XuvenCiencia 2021.