Skip to main content

Por Raúl Río

Eugenio Castro naceu a primeiros do século pasado na “Casa da Taberna”, que está xusto por debaixo da igrexa dos Vilares. Hoxe está abandonada e as silvas de dentro xa saen pola porta para fora, como en tantas outras das nosas aldeas que están envoltas en silvas e fieitos como dixo Díaz Castro ao ver, xa daquela, o desleixo dos nosos gobernantes polo rural, que é como lle chaman agora eles. A casa leva ese nome porque fai moitos anos houbo alí unha taberna. Daquela so había dúas na  parroquia, a outra estaba situada a uns cincuenta metros dela, na casa indiana que fixeron os irmáns Antón e mais Ricardo cando viñeron da emigración americana.

Criouse nesa casa e sendo moi novo emigrou á Arxentina, pero antes de emigrar deixou gravado o seu nome nunha chanta de pedra granítica que facía de cerre na chousa que tiñan cerca do lugar que chamamos o Porto de Mende, como deixando un recordo para as xeracións futuras, ou… quen sabe! si pensou o mesmo que o emigrante que conta Castelao no Sempre en Galiza, que deixou unha aguillada debaixo dunha rocha, pois afirmaba o rianxeiro que os casteláns cando emigran non pensan en volver e arramplan ata co xergón da cama ao lombo, mentres os galegos temos mais apego á preciosa terra que nos viu nacer e sempre deixamos algo e así ter unha desculpa para volver a ela.

Eu penso que ese debeu ser o motivo, pois cando volveu aos Vilares polos anos sesenta do século pasado, corenta anos despois de irse, o primeiro que fixo foi ir ver as letras que con tanto cariño gravara antes de marchar.

Contan que se lembraba dos nomes de todos os veciños da parroquia que coñecera antes de embarcar nos muros do Parrote cara un futuro descoñecido e incerto, como dicía Rosalía. Eu non puiden coñecelo porque cando veu estaba estudando en Lugo e cando volvín aos Vilares el xa se fora outra vez para Bos Aires, pero, ao contarmo meu pai, fun até á chanta e emocionoume ver que as letras estaban á vista e relucentes, porque limpoulles coidadosamente o musgo e a terra que as cubría.

Corenta anos estivera fisicamente na Arxentina, pero a súa mente e o seu corazón estaban na nosa parroquia, nos veciños que deixara e na chanta da súa chousa xunto ás veigas da Tiñaz, ao lado do Porto de Mende, onde uns anos mais tarde meu pai, argalleiro el, acendeu a “Lámpara Marabillosa”, pero ese xa é outro conto.

Ultimamente atopábase medio tapada polas silvas e a maleza, pero eu pensaba que era mellor non descubrila polo medo a que calquera día pasará por alí alguén sen escrúpulos e a levara para adornar o seu chalé, para vendela ou a escachara unha pala escavadora para ensanchar o camiño enterrándoa baixo as rodeiras dos tractores, quedando así no esquecemento tanto amor á terra, e nin sequera poderíamos apreciar a arte e o cariño con que foron gravadas, xa fai tantos anos, aquelas bonitas letras. Cavilaba eu que era mellor deixala alí ata asegurarse que ía ser posta en valor e expoñela con toda a dignidade que se merece. Para elo  pensaba pedir permiso ao actual dono da finca e collela para que pasara a formar parte dun merecido monumento a nosa emigración vilarega que tanto fixo pola parroquia, levantándoo nalgún lugar emblemático e vistoso da nosa parroquia, como podía ser na Costa do Pazo, ao lado do busto de Díaz Castro, tamén emigrante, ou diante da escola habanera da Conchada, na aldea do Laxoso, construída cos cartos que os emigrantes Cubanos de “Los Villares y su comarca” e “Juventud de Villares” mandaron desde Cuba. Pero todo o meu gozo caeu nun pozo ao ver que as miñas predicións leváronse a cabo antes de que me dera tempo a facer o que tiña pensado e si chegara a volver hoxe das Américas levaríase un gran desgusto, pois alguén adiantóuseme; non para facer o que eu me propoñía, senón que con outras intencións mais egoístas e mesquiñas fixo desaparecer a chanta, levándoa para a súa casa.

Eugenio da Taberna tivo a sorte de poder cumprir o desexo de ver o seu nome na chanta, pero outros moitos emigrantes non puideron volver a ver o que deixaron na patria porque non puideron retornar nunca mais, e ese é o gran drama secular da nosa emigración. “Ide ver que foi deles”, dixo Rosalía.