Skip to main content
Lugo

A proposta turística das Rutas Connexio será presentada en FITUR

Por 8 Maio, 2021Maio 10th, 2021Sin comentarios

A fusión da mellor arte contemporánea e da arte sacra secular en seis templos do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo, seleccionados polo seu valioso patrimonio histórico e  arquitectónico, centra a proposta turística das Rutas Connexio que a alcaldesa, Lara Méndez,  presentará en FITUR este ano como “unha chamada de atención para turistas e visitantes que elixen, e máis en tempos de post pandemia, vivir novas experiencias en contornas naturais cunha  historia que os acompañe”.  

Así o avanzou no día de onte a rexedora de Lugo nunha presentación, coa presenza tamén de medios  nacionais, na que deu a coñecer o vídeo promocional e na que incidiu na importancia desta pioneira iniciativa para a atracción en Ano Santo “de perfís de visitantes, turistas e peregrinos que foxen da masificación e buscan alternativas diferentes, e as Rutas Connexio están pensadas como un traxecto con paradas en espazos para a reflexión no Camiño Primitivo, que é Patrimonio da Humanidade”.  

As rutas amosan os traballos de seis creadores de arte contemporáneo, expostos en seis templos  do Camiño Primitivo, intervencións que foron as gañadoras da primeira convocatoria dos galardóns  Connexio do Concello de Lugo, “que puxemos en marcha conxuntamente Concello e Bispado antes  da pandemia para dinamizar o tecido artístico, empresarial e turístico de Lugo e a súa comarca,  establecendo conexións entre os axentes culturais, a veciñanza e os peregrinos, parte activa do  proxecto”, segundo Lara Méndez.  

Neste premios presentáronse 220 artistas de todo o mundo cun fin: profundar e recuperar o Camiño  como espazo de reflexión e faladoiro entre o medio natural, os seus habitantes e todos aqueles que  o transitan como vén facendo desde hai séculos.  

Interacción coa veciñanza  

Nesta inspiración, os artistas gañadores integraron nas súas obras elementos comúns das vidas  dos veciños, achegándose ás súas realidades, creando sinerxías previas con eles, coñecéndoos e colaborando.  

Neste senso, Álvaro Negro elixiu o granito negro na súa intervención; Estelle Jullian recorreu ao  liño, que lembra ver cultivos e paisaxes; Rodríguez-Méndez utilizou no lenzo que creou aceite que  lle entregaron os integrantes da Confraría do Carme como aglutinador de devocións e materia  experimental; Juan López reinterpretou os sons que outrora regularon tempos e traballos; Ainara  LeGardon utilizou a acústica e historia do espazo como materia prima para elaborar unha peza, e  Jesús Otero-Yglesias actualizou a visión dos obxectos da vida cotiá.  

Ás relacións coa súa contorna, sumáronse as riquezas da arte sacro das igrexas seleccionadas:  Santa María en Gondar; Capela do Carme; San Xóan Alto; San Vicente en Burgo; San Miguel en Bacurín; e San Pedro de Abaixo en Mera.  

A rexedora explicou que “as restricións sanitarias impediron que puidésemos realizar unha presentación destas obras con anterioridade, e agora retomamolas para crear e potenciar as Rutas Connexio, que inclúe itinerarios cara a Lugo onde os visitantes poidan participar destas  reflexións ao mesmo tempo que viven a experiencia do Camiño Primitivo, que é o primeiro Camiño  coñecido, e descubrir as riquezas naturais do noso municipio, o único que inmerso na súa  totalidade na Reserva da Biosfera Terras do Miño”.  

Nestas rutas, os peregrinos, turistas e visitantes poderán coñecer as obras, pero tamén como se  desenvolveu o proceso creativo grazas aos códigos QR que se instalaron nas igrexas para este fin.  Ademais, poderán coñecelas a través de visitas guiadas, da man dun guía expertos da Asociación  Profesional de Guías de Turismo de Galicia, que realizarán visitas durante os meses de xuño, xullo  e agosto.  

Na presentación, a alcaldesa estivo acompañada de César Carnero, delegado episcopal de  Patrimonio histórico-artístico e os concelleiros Ana Abelleira, de Desenvolvemento Local e  Emprego, e Mauricio Repetto, edil de Xuventude.  

Pola súa banda, Cesar Carneiro, delegado de Patrimonio histórico-artístico e director do Museo  Diocesano Catedralicio de Lugo puxo en valor o proxecto e lembrou a importancia que lle deron os  os artistas de “atopar unha oportunidade para expresarse nestes momentos tan duros de pandemia  para o seu sector”.