A Deputación de Lugo colabora coa Asociación Motorista Lucense na organización da Ruta Castrexa, que se celebrará o 29 de maio.

A proba, que puntúa para a Copa de España de Mototurismo, conta cun percorrido de 450 quilómetros, con punto de saída e chegada en Lugo e  cun itinerario que percorre distintas comarcas, seguindo o trazado de diferentes rutas xacobeas.

Ao longo do percorrido establécense dez puntos de selado e fotografía, lugares nos que as moteiras e moteiros terán que parar e selar os seus pasaportes de ruta para acreditar que completan a proba.

Os puntos de paso obrigado para as persoas  participantes son o Museo Juan López Mella -na cidade de Lugo-,O Cebreiro, Sarria, Portomarín, Friol,  o Castro de Viladonga -no concello de Castro de Rei-, Mondoñedo, Trabada, Os Baos -no concello da Ribeira de Piquín-  e A Fonsagrada. Así, percorrerán treitos do Camiño Francés, do Camiño Norte e do Camiño Primitivo.

Na presentación da proba o deputado de Deportes, Efrén Castro, destacou as sinerxias entre deporte e turismo, especialmente en modalidades como o mototurismo que, unha disciplina en auxe que, con esta proba, ofrece aos afeccionados e afeccionadas a oportunidade de desfrutar do patrimonio natural e cultural das distintas comarcas, desde A Mariña ata Sarria, desde a perspectiva privilexiada que ofrecen as motos”.

Manuel Arias e Yolanda Vázquez, piloto e copiloto, membros da Asociación Motorista Lucense, animaron a participar na Ruta Castrexa, incidindo na posibilidade de coñecer lugares afastados das estradas principais, como a parroquia dos Baos na Ribeira de Piquín ou o conxunto arqueolóxico de Viladonga. “A nosa experiencia nas probas disputadas ata agora, por distintos puntos de España, levounos a coñecer lugares e paisaxes aos que, doutra maneira, seguramente non chegariamos”. 

A inscrición estará aberta ata o vindeiro 19 de maio, tanto para as persoas participantes na Copa de España, que terán que complementar o procedemento a través da web da Federación Española de Motociclismo (rfme.com) , como da páxina web da Asociación Motorista Lucense (motoristalucense.com).

A celebración desta proba supón devolver Lugo aos calendarios das probas estatais de motociclismo, un deporte que tivo importantes referentes na provincia como o de Juan López Mella, a quen se homenaxea coa inclusión do seu museo entre os puntos de selado da proba.

Percorrido 

O punto de saída, ás 9.00 horas, será no Centro Comercial As Termas. As motos partirán cara a cidade de Lugo para visitar o museo de Juan López Mella,  bicampión de España de Superbikes e mellor privado no Campionato do Mundo de 500cc, falecido en 1995 con 30 anos. De Lugo, dirixiranse ao Cebreiro para continuar ruta pola LU-633 pasando por Triacastela, Samos, Sarria, Paradela e Portomarín, seguindo o itinerario do Camiño Frances.

Desde Portomarín, os moteiros partirán cara Friol, onde se prevé a parada para xantar. Dirixiranse logo cara o Castro de Viladonga, punto de selado e visita recomendada pola organización ao conxunto arqueolóxico. Mondoñedo e Trabada serán os seguintes puntos de referencia no percorrido, que continuará cara a Ribeira de Piquín, concretamente, cara á igrexa dos Vaos. Os moteiros e moteiras terán que fotografarse no atrio antes de continuar percorrido cara a Fonsagrada. Volverán a Lugo pola LU-530, carretera por excelencia de motoristas.

Copa de España de Mototurismo

A Ruta Castrexa é unha das dez incluídas no calendario da Copa de España de Mototurismo 2021. Será a quinta proba en disputarse despois de celebrarse nos últimos meses a Ruta Sudoeste, en Huelva; a Ruta 999 entre Valencia, Castellón e Teruel, e Madrid Km.0, por estradas de Madrid e Segovia. A vindeira fin de semana disputarase a Ruta 7 Castells,en Valencia.