Skip to main content
Castroverde

Licitadas as obras de reforma do colexio de Castroverde

Por 7 Maio, 2021Sin comentarios

Publícase hoxe a licitación das obras de reforma que acometerá no CPI de Castroverde, cun orzamento de 322.400 euros. O proxecto presentouse hoxe e está adaptado ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con 191 millóns de euros. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 28 de maio e as obras teñen un prazo de execución de dous meses. A previsión é poder telas en marcha no verán.

Ademais, explicouse que a actuación ten por obxecto a substitución das carpinterías exteriores, os falsos teitos, as luminarias e a caldeira do centro educativo. En conxunto, estas intervencións mellorarán o illamento e a eficiencia enerxética e facilitarán a ventilación das aulas e do resto dos espazos do colexio.

No inmoble principal e no secundario cambiaranse as ventás por outras con rotura de ponte térmico, vidro illante e cámara de aire intermedia, e renovaranse as persianas. Ademais, nos tres edificios substituiranse as luminarias por equipos de tecnoloxía LED con regulación de luz e detectores de presenza en zonas comúns. Tamén se instalarán falsos teitos e substituirase a caldeira de gasóleo por outra nova co mesmo sistema de funcionamento.

Así mesmo, salientouse que todas as novas intervencións en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte…”.