Skip to main content
A Pobra do BrollónCervantes

Licitadas as obras no colexio de Cervantes e da Pobra do Brollón

Por 28 Maio, 2021Maio 29th, 2021Sin comentarios

Licitado no día de onte o contrato das obras de reforma do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) da Pobra de Brollón e do Centro Público Integrado (CPI) de Cervantes, ás que se destina un orzamento de 563.000 euros.

Os traballos centraranse no incremento da eficiencia enerxética, a renovación de aseos e outras melloras de pintura e acabados. As intervencións pretenden avanzar cara a uns centros de ensino mellor acondicionados, con cabida para as novas metodoloxías e a educación dixital, e máis sustentables e confortables.

No caso concreto do colexio de Cervantes, prevese un investimento de 262.500 euros na revisión e reparación completa das filtracións na cuberta de lousa, a renovación de luminarias e falsos teitos en determinados espazos, ou a substitución das ventás. Neste sentido, instalaranse outras con maior estanqueidade e superficie de ventilación -con apertura oscilobatente- así como unha maior resistencia térmica -con rotura de ponte térmica e vidro dobre con cámara de aire-, incluíndo a renovación de persianas e o illamento das caixas de persiana. 

Igualmente, vanse renovar os aseos de Primaria na planta primeira e acondicionaranse os destinados aos docentes e á aula de tecnoloxía, ademais de acometer outras reparacións que afectarán á estética interior. As obras teñen un prazo máximo de execución de dous meses.

Centros máis eficientes

Pola súa banda, no colexio da Pobra de Brollón investiranse 300.500 euros nun proxecto que contempla a substitución da cuberta inclinada de tella por outra de panel de aceiro con illante intermedio, a colocación de illamento sobre forxado, e outras actuacións para completar as medidas de mellora da eficiencia enerxética xa introducidas nalgúns espazos.

Así, substituiranse as carpinterías exteriores e persianas que non foron renovadas por outras que proporcionen un mellor illamento, e instalarase falso teito rexistrable acústico e iluminación LED nas aulas que non dispoñen deste sistema. Na cociña e no almacén colocaranse placas de xeso laminado. Finalmente, vanse renovar os aseos e pintaranse os paramentos afectados, beirados e soportal. O prazo de execución será de tres meses.

Estas obras son licitadas polo procedemento de urxencia para poder executalas durante o verán, co fin de interferir o  mínimo posible no desenvolvemento da actividade docente.