Skip to main content
Lugo

Lugo elabora os pregos para licitar este ano o proxecto da praia fluvial

Por 2 Maio, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou que a concellería de Medio Ambiente traballa na elaboración dos pregos da Praia Fluvial co obxectivo de poder licitar a contratación das obras este mesmo ano. 

Así mesmo, lembrou que Concello e Deputación manteñen conversas dende hai meses para renovar o convenio que financiará as instalacións. A rexedora abondou nas súas declaracións en que as conversas coa institución provincial levan sendo continuadas dende finais de ano, cando  chegou o derradeiro permiso pendente da Confederación Hidrográfica para poder iniciar as obras. 

“Levamos distintas reunións mantidas xa coa Deputación para tentar avanzar e finalizar no que era o convenio inicial do ano 2010, pero sobre todo para nós o máis importante é materializar a praia fluvial co fin de poñela ao servizo da cidadanía”. Méndez aclarou que, “aínda que ese  convenio de colaboración finalizou, o que cómpre facer agora é darlle continuidade ao procedemento, co trámite que se aprobou hoxe na Xunta de Goberno do ente provincial, para que  nós poidamos presentar agora as alegacións pertinentes e asinar, a continuación, un novo  convenio en función da consignación orzamentaria que a Deputación xa lle tiña asignada a este proxecto, polo que non sería preciso ter que devolver os cartos entregados no seu día ao  Concello”. 

A alcaldesa subliñou, así mesmo, que a vontade do equipo de goberno é integrar a praia dentro das zonas verdes ás que dará cobertura o contrato de mantemento dos parques e xardíns  municipais, abordando así dunha maneira integral non só a súa creación senón tamén a súa  axeitada conservación durante todo o ano. 

O Concello de Lugo tivo que afrontar varias veces cambios nos proxectos desenvolvidos para a execución da praia fluvial, incluso nas zonas de ubicación elixidas, para poder obter todos os  permisos necesarios das distintas administracións implicadas. O último dos mesmos chegou a  finais do 2020.