Skip to main content
Lugo

Anunciada a apertura da licitación das Caldas do Miño

Por 3 Maio, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno Local aprobará esta semana o inicio de proceso de licitación das Caldas do Miño, un novo  equipamento de uso público que permitirá non só impulsar as actividades a desenvolver na contorna fluvial, senón que a cidade gañe un novo recurso cultural, de recreo e turístico.  

“As caldas serán un gran revulsivo vinculado co noso legado xa que están inspiradas  nos baños públicos romanos”, sostivo a rexedora, que engadiu que “con estas  instalacións sumaremos novos espazos para o goce da nosa veciñanza, para as e os peregrinos, xa que moi preto pasa o Camiño Primitivo e pode ser una etapa de parada e  descanso para eles, e para a atracción de visitantes nun momento tan interesante para a  cidade para captar un turismo de experiencias, e polo tanto, de calidade”.  

“Estamos convencidos de que servirán para potenciar a estadía e o perfil de turistas que escollen Lugo como destino das súas vacacións”, incidiu.  

O proxecto dotará a Lugo duns baños públicos con auga quente facendo unha chiscadela ás termas e, polo tanto, á historia cultural da cidade, aínda que non teñen un fin sociosanitario por non tratarse de augas mineromedicinais se non que proveñen da traída e acondicionaranse termicamente para o seu goce.  

O equipamento situarase nunha extensión de case 400 m² dentro dunha parcela de  84.000 m² situada ao carón do Pazo de Feiras, na Avenida Fábrica da Luz, e a altura do Club Fluvial.  

As instalacións foron proxectadas seguindo os máximos parámetros de eficiencia  enerxética, de acordo ao modelo de cidade polo que aposta o Goberno local. Así,  estarán compostas por 4 piscinas de auga quente – cunha profundidade de entre 60 e  90 cm -, dotadas dunha manta térmica removible que as protexerá fronte á intemperie para evitar perdas enerxéticas e previr caídas durante o horario de peche, e dous pediluvios de auga fría, sumando unha superficie aproximada de lámina de auga de 150  metros cadrados.  

Cada unha das pozas, con aforo para 50 persoas en uso simultáneo, terá unha forma e dimensión diferentes e o recinto contará cun edificio dunha planta e con cuberta axardinada para albergar un atrio, vestiarios, aseos e os equipos de aerotermia.  

“Eliximos a aerotermia para as instalacións porque é o máis rendible desde un punto de vista da eficiencia enerxética reducindo a mínimos a pegada de carbono que se xeraría cunha instalación que non estivese á altura dun proxecto innovador e de primeiro nivel que require unha cidade como Lugo”, destacou a alcaldesa.  

A nova infraestrutura poderá ser empregada por toda a cidadanía, incluídas as persoas  con diversidade funcional ou dificultades de mobilidade xa que dispón de itinerarios accesibles e un dos vasos está adaptado cunha rampla de acceso.  

Lara Méndez sinalou, ademais, que o deseño das caldas busca o mínimo impacto visual  e ambiental, “porque queremos ser tremendamente respectuosos coa zona na que se  executan, unha contorna privilexiada na que estamos a traballar con diversos proxectos  para que os cidadáns accedan a ela con máis facilidade e a través dunha nova  mobilidade, con itinerarios a pé e en bicicleta, desde a trama urbana da cidade”.  

O proceso de licitación desta obra, enmarcada na estratexia DUSI Muramiñae, parte cun  investimento de 923.621 euros e un prazo de execución de doce meses.