Skip to main content
Lugo

Cerca de 700 usuarios foron atendidos polo programa contra as adiccións

Por 6 Maio, 2021Sin comentarios

O programa de asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e trastornos aditivos de Lugo atendeu o pasado ano a 681 usuarios, dos cales 533 foron homes e 148 mulleres.

No día de hoxe visitáronse as instalacións da entidade para tratar cos seus responsables sobre o desenvolvemento deste programa e o Proxecto de Lei sobre Prevención das adiccións en menores en Galicia, que está ata mañá en período de consulta pública.

Así, lembrouse da firma dun novo convenio entre o Sergas e a Cruz Vermella de Lugo polo que o primeiro achega 617.400 euros para dar continuidade ás accións de  atención integral aos pacientes con trastornos adictivos e ás súas familias. Ao respecto, tamén se subliñou o “compromiso firme e continuado” do Goberno galego neste obxectivo, que se traduce nun investimento de 7,7 millóns de euros realizado dende o ano 2009 para o sostemento do programa.

Pola súa banda, a entidade presta servizo a todas as persoas interesadas respectando os principios de universalidade, anonimato, voluntariedade e gratuidade. Inclúen medidas específicas para aqueles casos nos que se dan simultaneamente un trastorno adictivo e outro trastorno mental (patoloxía dual) e atención de terceiro nivel (en réxime residencial); tamén se contempla a mellora na coordinación cos dispositivos da rede de saúde mental e atención primaria para, en conxunto, acadar o tratamento, a incorporación social e a recuperación destes pacientes.

Actualización normativa

Javier Arias aproveitou a xuntanza co presidente, Luís Abelleira, e outros representantes de Cruz Vermella para recoller as súas propostas de cara á futura lei que por primeira vez englobará toda a normativa en materia de prevención das condutas aditivas en menores. Como principal novidade, a norma vai incorporar medidas de prevención doutras adiccións sen substancia e da problemática ocasionada polo uso das tecnoloxías dixitais e, en particular, coas relacionadas co uso das redes sociais e os videoxogos.

Con esta nova normativa, búscase solucionar problemas como o elevado consumo de substancias, legais e ilegais, por parte da mocidade e a idade temperá na que os mozos se inician no consumo. Tamén pretende solventar a dispersión das normas relativas a venda, subministro, consumo, publicidade, promoción e patrocinio das principais substancias psicoactivas, coa conseguinte dificultade para o seu coñecemento por parte da cidadanía e das institucións. Así mesmo abordará medidas fronte ao incipiente desenvolvemento de problemática relativa a videoxogos, uso problemático de internet e das redes sociais.

Co fin de recoller ideas sobre as medidas e contidos que o texto debería incorporar, estase a programar encontros con distintas entidades e abriu unha canle de participación no Portal de Transparencia para todos os cidadáns interesados en achegar as súas suxestións.