Skip to main content
Lugo

Visita educativa do IES Leiras Pulpeiro á Fundación CEL

Por 7 Maio, 2021Sin comentarios

As instalacións da Fundación CEL Iniciativas por Lugo acolleron onte a visita dun pequeno grupo de alumnos do IES Leiras Pulpeiro, no marco do Programa Atrévete, posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para impulsar vocacións emprendedoras desde o ámbito educativo.

Esta é a primeira visita deste tipo que a entidade recibe dende a declaración do primeiro estado de alarma o pasado ano, que obrigou á Fundación CEL a suspender este tipo de actividades por seguridade sanitaria, a pesar de que “a difusión da cultura emprendedora é unha das liñas de traballo máis satisfactoria porque é unha semente que se planta para xerar froitos ao longo prazo”.

Os alumnos do IES Leiras Pulpeiro, de 1º da ESO, achegáronse nesta visita, da man do seu xerente Rodolfo Follea, ao traballo que realiza a Fundación CEL con emprendedores, a súa historia e aos proxectos empresariais que ao longo dos anos foron xerminando no seu viveiro e continúan sendo exitosos e xerando emprego, como Galén, CampionchipNorte, Quescrem Innolact, Patatotas, Pazo de Orbán, Sente Galicia ou O Faro dos Tres mundos, entre outros.

Desde a Fundación CEL destacouse a importancia do papel dos emprendedores e os empresarios na sociedade como xeradores de emprego e riqueza, así como da necesidade de apoiarlles desde o ámbito público – privado nos difíciles inicios con ferramentas concretas como as que pon a Fundación CEL á súa disposición, e que implican asesoramento e acompañamento para apontoar a realización e posterior supervivencia das súas ideas.

Os alumnos do IES Leiras Pulpeiro tamén puideron achegarse ao traballo da aceleradora Business Factory Aero ( BFAero), o programa de atracción e retención de talento e apoio a emprendedores do sector aeronáutico da Civil UAVs Iniciative. A Fundación CEL é sede e equipo xestor desta aceleradora.

Finalmente, os “pequenos emprendedores” do Leiras tamén puideron coñecer de preto dúas iniciativas empresariais vinculadas á Fundación CEL que xa están a pleno rendemento. En concreto, charlaron cos impulsores de 3edata, empresa de enxeñería ambiental e forestal que traballa con drons e outros instrumentos de “radiografías do territorio” para múltiples aplicacións (xestión de augas, agricultura, xestión ambiental..), e achegáronse á experiencia da Modiño, unha clínica de rehabilitación veterinaria atendida para a súa posta en marcha desde a Fundación CEL como punto de asesoramento da Rede Eusumo.

A Modiño é unha cooperativa de traballo asociado (CTA), iniciativa de dous promotores, unha veterinaria e un auxiliar de veterinaria, que explicaron o seu traballo aos nenos acompañados dunha dos seus pacientes, unha perrita cega, un dos exemplos de superación que os animais ofrecen, e que non é o único que teñen na súa clínica como mostraron na súa exposición.

Os promotores de 3edata e A Modiño coinciden na importancia da paixón para ser “emprendedor”, da satisfacción vital que implica facer o que che gusta pola túa conta, crear equipo, xerar riqueza (postos de traballo) e oportunidades de fronte o futuro na túa contorna.

A visita servirá tamén aos alumnos do IES Leiras Pulpeiro de base para preparar a súa proposta ao concurso de ideas empresariais que a Consellería de Educación convoca no marco do programa Atrévete.