Skip to main content
Lugo

Estréase unha nova praza – xardín na Piringalla

Por 15 Maio, 2021Maio 18th, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, procedían na tarde de onte á apertura dunha nova praza – xardín na confluencia entre as rúas Manuel María e Túnel de Oural, na Piringalla. 

Ao acto, ao que asistiron un cento de persoas, tamén acudiu o presidente da Deputación Provincial, José Tomé; o ceramista galego Francisco Pérez Porto – autor da fonte – e representantes da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva San Isidro do Barrio da Piringalla da que partiu a demanda e tamén a iniciativa de render homenaxe ás lavandeiras coa escultura do recoñecido creador. 

“Trátase dunha intervención, encadrada no Plan de Barrios, coa que dende o executivo local queremos dar resposta a unha reivindicación cidadá” sinalou a rexedora. “Con ela pretendemos mellorar a imaxe da contorna pero tamén crear novos espazos de lecer que favorezan a convivencia interxeracional nun momento no que, logo dun ano moi complexo, de distanciamento obrigado, xa podemos retomar as relacións sociais e o contacto coas nosas amizades e seres queridos mais con moita precaución aínda, sen descoidar a saúde. Polo que, estes lugares ao aire libre actúan como pequenos oasis dentro das cidades que nos permiten compatibilizar o ocio coa loita que aínda debemos manter contra o virus”, manifestou a alcaldesa. 

Lara Méndez indicou, alén, que outro dos obxectivos aos que contribúe a creación desta nova praza é o de “poñer en valor a identidade propia xa que, a petición da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva San Isidro do Barrio da Piringalla, ten como eixo central unha fonte en homenaxe ás lavandeiras”.  

“Un chafariz, de cinco metros de altura e seis bocas de auga, con decoracións cerámicas, cedido pola Deputación Provincial, que aporta color e dá visibilidade ao emprazamento, empoderando ademais o noso patrimonio histórico e cultural”, referiu a rexedora. 

Lara Méndez enxalzou a valía da escultura, “obra dun auténtico mestre da cerámica galega, coa que autor, administracións e tamén cidadanía queremos render un sentido tributo ao traballo que realizaban estas mulleres”. 

“As creacións de Pérez Porto teñen todas ese selo tan persoal que nos permiten identificalo con inmediatez. Un estilo que, baseado na utilización de colores vivos, outórgalles unha expresividade característica a todos os seus traballos que, sendo figurativos, respectan a esencia das tradicións populares”. 

Pola súa banda, o concelleiro Miguel Fernández, lembrou que a área de Medio Ambiente investiu 132.000 euros nesta actuación para a que, entre outros traballos, se levou a cabo a explanación dos xardíns e tarefas de pavimentación, “nas que foi empregado formigón con acabado impreso coloreado e matrices con debuxos de pequena escala tipo mosaico, que aumentan o impacto visual da obra”. Recordou, así mesmo, que se trata dunha obra incluída no Plan de Barrios, procedente do pasado mandato, que o goberno local aprobou en solitario.  

Dende a Deputación Provincial, o seu presidente, José Tomé, puxo de manifesto que o organismo provincial “valora e comparte o modelo de cidade polo que aposta o Concello, unha cidade verde, sostible e que recupera, pon en valor e amplía os espazos públicos, porque os espazos públicos, como xeradores de convivencia e de benestar, resultan fundamentais para as sociedades democráticas. Estamos nunha praza que xurde como demanda dos propios veciños e veciñas. E paréceme moi importante facilitar canles para que os cidadáns aporten ideas para a modernización, a humanización e a mellora dos seus barrios e cidades”, sostivo. 

A mellora, súmase a outras actuacións de humanización xa realizadas na contorna polo goberno de Lara Méndez nos últimos meses como o incremento do alumeado, o acondicionamento do parque Gallego Tato ou a restauración da pérgola da praza Viana do Castelo.