Skip to main content
LugoTriacastela

O PP insta ao goberno de Lugo a manter os convenios como o de Triacastela

Por 15 Maio, 2021Sin comentarios

A provincia precisa solo industrial. Para cubrir esta necesidade, a sociedade provincial Suplusa estableceu convenios con distintos Concellos. A Deputación non acepta agora cumprir os compromisos adquiridos por Suplusa. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, lembra que “varios concellos, antes da  disolución de Suplusa, solicitaron por escrito que a Deputación mantivese os convenios para desenvolver solo industrial nos seus respectivos municipios, que tiñan firmados coas sociedade urbanísticas provincial; un deses concellos é Triacastela, que está intentando sacar adiante un plan especial  para dotar a esta localidade dun polígono que poida ser un revulsivo da economía local”. Castiñeira, xunto cos tamén deputados provinciais José Antonio García e Óscar Poy visitou en compañía da alcaldesa, Olga Iglesias, os terreos nos que se ubicará o parque empresarial. 

Castiñeira explica: “Ao non prosperar a petición do grupo provincial do PP, para que a Deputación se fixese cargo dos convenios comprometidos por Suplusa no seu día con todos estes concellos, o de Triacastela tivo que usar fondos do Plan Único que podería usar para outras inversións e custear o plan especial para o novo polígono. É inxusto e unha actitude incomprensible do goberno da Deputación, que herdou 4,3 millóns de euros de Suplusa, máis case cinco millóns pendentes de debedores, precisamente para afrontar e financiar  esas actuacións a favor do desenvolvemento industrial dos pobos da provincia”.

Os populares destacan que “como Triacastela existen máis dunha trintena de concellos aos que a Deputación de Lugo, coa disolución de Suplusa e a non confirmación dos convenios,  pechou as portas de avanzar no desenvolvemento económico do rural”. Castiñeira sinala: “É algo absolutamente incomprensible, especialmente cando vivimos unha época na que a Deputación debe pensar en buscar solucións ao noso rural e promover actuacións de modernización e industrialización de localidades como Triacastela, que no seu momento decidiu crear un polígono industrial”.

A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, pola súa parte sinala que dispoñer de solo industrial é fundamental para o seu municipio, tanto para conseguir a implantación de novas empresas como para que sexa posible a ampliación doutras xa asentadas no concello; cita, neste último caso, unha firma, con quince empregados, que necesita ampliar as súas instalacións. Iglesias lamenta que o Concello tivese que usar cartos do Plan Único, que necesitaba para a mellora de vías de comunicación, para afrontar os gastos da elaboración do plan especial para o solo industrial. Sinala que se a Deputación mantivese os compromisos adquiridos por Suplusa, o Concello, que ten un orzamento anual moi reducido, no tería que soportar este gasto.