Skip to main content
Lugo

As andainas en Lugo na honra de Xela Arias seguirán os vindeiros sábados

Por 18 Maio, 2021Maio 20th, 2021Sin comentarios

A área de Muller e Igualdade organizou o pasado sábado unha nova andaina na honra de Xela Arias. Con esta actividade, a concellería que dirixe Silvia Alonso pretende enxalzar o papel da muller nas Letras Galegas, coincidindo coa celebración desta efeméride. Así mesmo, esta actividade continuará os vindeiros sábados 22 e 29 de maio.

A camiñada, que partiu ás 11:00 horas dos soportais do Concello, na Praza Maior, permitiu ás persoas participantes desfrutar dun fermoso paseo por Lugo, co paraugas como aliado e tendo como fío condutor a obra das autoras homenaxeadas en anteriores anos: Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño e María Victoria Moreno.

A edil destacou a “importancia de reivindicar a figura de Xela Arias e o seu compromiso coa defensa dos dereitos femininos ao tempo que sinalou que estes roteiros permiten as e os asistentes gozar igualmente da riqueza das súas composicións en cada unha das  paradas que se fan durante o percorrido pola rúa das Nóreas, Raíña, María Balteira, Praza de Santa María e tamén no Parque Rosalía de Castro”.

Silvia Alonso lembrou que a programación organizada dende Casa da Muller terá continuidade durante os vindeiros sábados e convidou á cidadanía a acudir aos actos previstos entre os que tamén se inclúe un concerto ao aire libre que se celebrará o vindeiro día 29 de maio.