Skip to main content
Lugo

Reportaxe: A muralla de Lugo, a única que se conserva completa

Por 24 Maio, 2021Maio 26th, 2021Sin comentarios

A lenda di que os romanos construíron a muralla para protexer non unha cidade senón un bosque, o Bosque Sacro de Augusto, en latín Lucus Augusti. Hoxe o bosque é un misterio, pero a muralla segue en pé desafiando ao tempo. Foi construída hai máis de 17 séculos seguindo as directrices das elegantes obras de Vitruvio, a muralla mide máis de 2 km e ten 10 portas  nalgúns tramos alcanza os 7 m de ancho, e deterse nalgunhas das súas 71 torres que se conserva, das 85 orixinais, é sentir de cerca o poder da Roma Imperial.

PORTA DE SAN FERNANDO. A actualmente denominada Porta de San Fernando foi a primeira das portas modernas. Abriuse en 1854 no lugar por onde entraba na cidade o acueducto de orixe romana. En 1858, con motivo da visita de Isabel II e os seus fillos, déuselle o nome de Porta do Príncipe Alfonso, en honra do futuro Alfonso XII, que era daquela un neno de menos dun ano. En 1962 reformouse debido a toda a poboación que se instalou no norte da cidade e a dificultade do tráfico, e decidiuse ensanchar dita porta. Con esta obra, aproveitouse para derrubar os edificios anexos á Muralla na súa parte exterior, que serían eliminados na súa totalidade catorce anos despois.

PORTA FALSA. Esta é unha das antigas portas romanas aínda que está moi modificada. Responde ao tipo de portas que os romanos chamaban posterulae, de uso exclusivamente militar, que se abrían asimetricamente no lenzo existente entre dúas torres. A saída era unha trincheira escavada no terreo. Foi pechada durante un tempo e volveuse abrir no século XVII ao se instalar na actual praza de Ferrol o Hospital de San Bertomeu, antes situado na praza Maior.

PORTA DA ESTACIÓN. Esta abriuse en 1875 a petición dalgúns veciños para comunicar a cidade coas vías do ferrocarril. Un ano despois ampliouse derrubándose os cubos entre os que se abrira, e en 1921 ampliouse máis, nunha obra que supuxo a derruba da primeira porta e a construción da actual. A escaseza de elementos ornamentais responde á precaria situación económica provocada pola primeira Guerra Mundial.

PORTA DE SAN PEDRO. Crese que esta porta xa existía en época romana e durante a Baixa Idade Media aparece nas fontes escritas como Sancti Petri. Tamén foi coñecida coma Porta Toletana ou Porta Toledana ao estar situada ao final do camiño procedente de Castela, e empregado sobre todo por mercadores toledanos que comerciaban na cidade.  Antes da súa modificación en 1781, estaba adintelada con trabes de madeira á altura dos postigos.

PORTA DO BISPO IZQUIERDO. Con motivo da inauguración do novo cárcere en 1887, fíxose necesaria a apertura desta porta para facilitar o cambio de garda e o acceso ao xulgado. Abriuse durante o século XIX e substituiu a unhas escaleiras de acceso, o que condicionou as súas dimensións de construción xa que houbo que derrubalas así como o cubo no que estaban aloxadas, e unha pequena parte do Reduto Cristina.

PORTA DO BISPO AGUIRRE. É a cuarta porta aberta no século XIX, ano 1894, e A súa apertura debeuse ao desexo de facilitar a comunicación co novo seminario, construído por orde do Bispo Aguirre, e co antigo cemiterio. Ao abrir a porta derrubáronse dous cubos co cal apareceron lápidas romanas. Ao atravesala, pódense ver unhas pequenas portas que dan a dúas habitacións que servían de fielatos.

A PORTA DE SANTIAGO. Esta porta xa existía na época romana, e está totalmente modificada. Coñécese desde o século XII como porta do Posticu, Porticu e Postigo, e todos estes nomes están relacionados coa existencia dunha portela encadrada dentro dunha porta máis grande. Ao principio foi unha porta privada, xa que pertenceu á Igrexa e foi empregada ata 1589 polos cóengos e os seus serventes co fin de acceder ás hortas. Esta foi a única que permaneceu aberta en tempos dapeste. Malia o seu ensanchamento en 1759 polo Bispo Izquierdo y Tavira para facilitar a entrada de carruaxes, aínda conserva a imaxe de Santiago Matamouros, e o escudo de armas do Bispo Izquierdo.

PORTA MIÑÁ OU DO CARME. É a porta de orixe romana que se conserva con menos modificacións. É coñecida popularmente como Porta do Carme por estar situada fronte a capela deste nome, e tamén aparece na documentación medieval como Minei ou Mineana, por ser a saída natural cara ao río Miño. Seguindo os canons de Vitrubio neste tipo de fortificacións, está formada por un arco de medio punto e bóveda de canón, e protexida por dúas sólidas torres de perpiaños de granito. Foi sometida a un proceso de consolidación en 1854, e tentouse o seu derrubamento para substituíla en 1870, pero a situación económica municipal non o permitiu.

PORTA DO BISPO ODOARIO. O oco abriuse en 1921, con motivo da colocación da primeira pedra do Hospital de Santa María. O alcalde Ángel López Pérez ordenou dinamitar a muralla para abrir a porta, pero fíxoo sen permiso e cinco veciños denunciaron o feito, o que deu lugar a un contencioso fallado contra o Concello. Este feito provocou que o 16 de abril dese ano o Estado declarase Monumento Nacional a Muralla de Lugo, co fin de dotala de máis protección. A nova porta foi rematada en 1928.

PORTA NOVA. Existente en época romana, era a saída da cidade cara a Brigantium ou Betanzos. Ata a construción da Porta de San Fernando foi a principal vía de comunicación da parte norte da cidade. A porta actual data do ano 1900, dado que a anterior estaba en estado ruinoso e ameazaba a seguridade dos viandantes. Para a construción desta porta nova houbo que derrubar un cubo da muralla.