Skip to main content
Lugo

1.474 filmes foron presentados para participar na Semana de Cine de Lugo

Por 21 Maio, 2021Maio 22nd, 2021Sin comentarios

Rematado o prazo para a presentación de películas que aspiran a participar na próxima Semana de Cine de Lugo, o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá informa ter recibido un total de 1.474 filmes entre longametraxes e curtametraxes, entre os que se seleccionarán os que van ser proxectadas entre os días 20 e 26 do próximo mes de setembro na XLIII edición da Semana de Cine lucense.

Destas 1.474 produccións, 1.286 recibíronse a través da plataforma Fest Home, 142 por Click For Festival e 46 de xeito directo: 34 a través dos Directores ou Produtores e 12 remitidas polos seus distribuidores.

923 producións son españolas, 42 proceden do Brasil, 39 de Francia, 38 da Arxentina, 36 de Chile, 19 de México e 11 de U.S.A.

Compre destacar que 29 produccións –longametraxes e curtametraxes- corresponden a cine galego, o que permitirá unha presencia notable do cine deste país nesta XLIII Semana que organiza Fonmiñá, co apoio da Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Universidade de Compostela-Campus de Lugo.

A organización comprácese en manifestar a súa satisfacción pola magnífica participación de películas e polo alto nivel da programación desta próxima Semana de Cine de Lugo.

PREMIOS

Trala decisión final do xurado, ou do público no caso da Sección Oficial, entregaranse cinco premios, por un valor total de 6.500 euros. Haberá premios para a mellor película na Sección Oficial (premio do público), para a mellor película de nacionalidades, a mellor película documental, a mellor película galega e para a mellor curtametraxe.