Skip to main content
Lugo

Lugo estará por primeira vez no Congreso Nacional de Medio Ambiente

Por 22 Maio, 2021Sin comentarios

O proxecto sostible de Lugo estará presente por primeira vez no XV Congreso Nacional de Medio Ambiente, que organiza a fundación Conama e que está considerado o maior encontro ambiental  do país. A estratexia de transformación da cidade vinculada co desenvolvemento sostible foi selecciona na categoría de Renovación Urbana: Cara a cidades descarbonizadas, circulares e naturais.

A alcaldesa Lara Méndez explicará neste foro, considerado o maior encontro ambiental do país,  “os pasos que estamos a dar nos últimos seis anos para transformar Lugo fronte á emerxencia climática, potenciando á vez o uso dos nosos recursos naturais propios, como a madeira, e impulsando a economía vede asociada a barrios neutros en carbono, pasos que a Comisión Europea está a valorar especialmente por servir de modelo a outras cidades de tamaño medio”.  

O congreso, que se celebra baixo o lema A recuperación que queremos, desenvolverase en Madrid desde o 31 de maio ata o 3 de xuño, e Lugo participará na primeira xornada. Este foro organízase cada dous anos e aínda que estaba programado en novembro de 2020, dada a incerteza xerada pola pandemia, a organización decidiu pospolo para as datas actuais. 

CONAMA seleccionou a Lugo polo cambio de paradigma que está a supor o LIFE  Lugo+Biodinámico, vinculado co deseño das cidades sostibles do futuro.  

A rexedora explicará os avances da estratexia que marca a senda da cidade, “non só a través do LIFE traballando nun urbanismo sostible, senón tamén cos cambios que suporá o DUSI na relación  da cidade co río, traballando para que esta estratexia resulte realmente transformadora para  favorecer unha transición ecolóxica que protexa a saúde das persoas e, por tanto, o medio  ambiente; que xere emprego de calidade e que constrúa un modelo económico innovador  atendendo ao reto do cambio climático”. 

Neste senso, Lara Méndez tamén explicará a Estratexia Lugo Transforma, na que Lugo mobilizará  o maior investimento económico da súa historia con recursos propios, 12 millóns de euros, para  atraer ao municipio investimento e empresas vinculadas coa nova economía innovadora e verde e  crear postos de traballo, “axudando así a diversificar os sectores produtivos, agora excesivamente  dependente só do sector servizos”. 

Esta estratexia, afonda a rexedora, está moi vinculada coa liña que se marcará no CONAMA este  ano para a recuperación verde e ecolóxica da pospandemia.