Skip to main content
Lugo

Lugo participa por primeira vez no XV Congreso Nacional de Medio Ambiente

Por 31 Maio, 2021Xuño 1st, 2021Sin comentarios

Lugo é a única cidade galega seleccionada para explicar o seu modelo sostible no XV Congreso Nacional de Medio Ambiente, que organiza en Madrid a fundación Conama e que está considerado o maior encontro ambiental do país. No mesmo participarán 1.200 expertos de toda España que analizarán cara onde debe ir a recuperación da pandemia. 

Lara Méndez exporá hoxe, luns 31, pola tarde, na mesa de Proxectos e estratexias de renovación urbana en cidades españolas, a transformación na que se está a traballar en Lugo na  loita contra o cambio climático desde un urbanismo respectuoso e sen impacto ambiental. A rexedora, trala súa exposición, compartirá debate cos concellos de Barcelona, Madrid e Salamanca. 

Esta é a primeira vez que Lugo ten presenza neste foro, “recoñecemento que reforza o noso modelo de cidade, o que é un motivo de orgullo para o municipio. Suporá, ademais, un novo impulso para proxectar a marca sostible de Lugo e, polo tanto, unha enorme oportunidade de difusión fóra de Galicia que nos permitirá atraer empresas á cidade vinculadas coa economía verde”.  

Por iso, a alcaldesa tamén avanzará en Madrid a Estratexia Lugo Transforma, que se puxo en  marcha co fin de mobilizar o maior investimento económico da nosa historia con recursos propios, 12 millóns de euros, para atraer novos investimentos e crear postos de traballo, “axudando así a  diversificar os sectores produtivos, agora excesivamente dependentes só do sector servizos”.  

Lara Méndez avanzará neste foro os pasos que estivo a dar nos últimos seis anos para transformar Lugo fronte á emerxencia climática, non só a través do LIFE traballando nun urbanismo sostible a través da madeira de Galicia como elemento construtivo en prol de acadar tecidos urbanos  resilientes, neutros en carbono e adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático, senón tamén cos cambios que suporá o DUSI na relación da cidade co Miño, co fin de mellorar a mobilidade e a accesibilidade cara a contorna fluvial protexendo, ao mesmo tempo, o barrio do Carme”. 

O congreso, que se celebra baixo o lema A recuperación que queremos, desenvolverase en Madrid desde hoxe, 31 de maio ata o 3 de xuño, e Lugo participará na primeira xornada. Este foro organízase cada dous anos e, aínda que estaba programado en novembro de 2020, dada a incerteza xerada pola pandemia, a organización decidiu pospoñelo para as datas actuais.