Skip to main content
Lugo

As obras de restauración da catedral de Lugo licitaranse en xuño

Por 31 Maio, 2021Sin comentarios

Investiranse 650.000 euros na catedral de Lugo para poñer en valor e garantir a correcta conservación do claustro, unha zona que na actualidade presenta danos derivados do paso do tempo e factores ambientais. Trátase dunha actuación enmarcada no Plan Catedrais no que traballa o Goberno galego para actuar nos templos catedralicios da Comunidade no período 2021-2027.

O Plan Catedrais é unha ferramenta que busca que as catedrais galegas afronten a época xacobea nas mellores condicións de conservación. Así, co horizonte do Xacobeo 2027, a administración autonómica traballa xa nos cinco grandes templos catedralicios de Galicia que, no seu conxunto, suman máis de 4.500 anos de historia e que están, todos eles, vinculados ao Camiño de Santiago. De feito, tres delas, como é o caso da Catedral lucense, están incluídas na declaración de Patrimonio Mundial da Unesco.  

90 aniversario como Monumento Histórico-Artístico Nacional

A primeira intervención que se porá en marcha en Lugo ao abeiro do Plan Catedrais estará centrada en resolver as patoloxías que afectan ao claustro da Catedral e se licitará nas primeiras semanas de xuño. “Trátase dunha actuación que estamos a piques de licitar e que contará cun prazo de execución de seis meses, polo que estará lista no ano 2022”, explicouse. O inicio do proceso administrativo coincidirá, ademais, coa celebración do 90 aniversario da declaración como Monumento Histórico-Artístico Nacional da Catedral de Lugo, que se conmemorará o xoves día 3.

Para estes traballos, vense de levar a cabo unha serie de sondaxes arqueolóxicas nesta zona co fin de avaliar o seu sistema construtivo e potencialidade. Concretamente, realizáronse tres sondaxes que sacaron á luz restos arqueolóxicos de diferentes épocas históricas que van desde a época romana ata actualidade. Así, os traballos permitiron documentar varios muros e unha necrópole de tumbas rectangulares e laxas de lousa. 

As actuacións previstas ao abeiro do Plan Catedrais súmanse aos investimentos que se levan a cabo para poñer en valor o patrimonio lucense. Así, ao longo deste exercicio, tamén se achegará máis dun millón de euros a actuacións vencelladas coa Muralla romana ou na igrexa de San Pedro, na que se invisten 750.000 euros.