Skip to main content
Lugo

A biblioteca pública de Lugo ofrece actividades este mes de xuño

Por 31 Maio, 2021Sin comentarios

A biblioteca pública en Lugo ofrece en xuño diversas mostras bibliográficas, especialmente orientadas ao tempo de lecer, así como dúas sesións de contacontos. Ademais, neste mes dará a coñecer os gañadores do XXVII Certame de Narración e Debuxo Letras Galegas, no que participan distintos concellos da provincia que dispoñen de bibliotecas municipais. 

Así, o público familiar poderá gozar de senllas sesións de contacontos, Mariña e Marosa camiñan cara a Compostela da man Iago López, o venres 4, e Trasnadas, a cargo de Ana Carreira, o día 11. Ambas actividades se desenvolverán ás 18,00 h.

Ademais, haberá distintas mostras bibliográficas para a cativada. Na primeira quincena de xullo instalarase Puntuación 5 estrelas, unha selección de lecturas que recibiron premios e destacan pola súa calidade. Na segunda quincena, de cara ás vacacións de verán, exporase Eu viaxo, ti viaxas, nós viaxamos, cunha compilación de guías de viaxe específicas para nenos e nenas. A celebración do Arde Lucus neste mes na cidade luguesa tamén terá o seu espazo, con publicacións sobre Roma e a vida dos seus habitantes.

Pola súa banda, o público adulto disporá dunha mostra de volumes sobre o Camiño de Santiago, enmarcada na celebración do Xacobeo 21-22, e doutra cunha selección de obras con consellos para manterse san e en forma, con máis enerxía e ánimo.

No eido audiovisual, o cineasta Luis García Berlanga protagoniza unha mostra co gallo do centenario do seu nacemento, o 12 de xuño, que recolle tanto filmes propios como doutros autores influenciados pola súa obra, así coma material bibliográfico sobre o autor. 

Outra das exposicións previstas é K.O, arredor do considerado como un dos mellores boxeadores de todos os tempos, Muhammad Ali, nacido Cassius Clay, ante a próxima efeméride do seu pasamento, o 3 de xuño. Ademais de biografías sobre esta figura, mostrarase material bibliográfico e audiovisual sobre o puxilismo. 

Certame de narración e debuxo

Finalmente, ao longo do mes daranse a coñecer os traballos gañadores do XXVII Certame de narración e debuxo Letras Galegas, convocado pola biblioteca pública da Xunta en Lugo e dirixido a nenos e nenas de ata 16 anos. Os autores galardoados recibirán cadansúa figura de Sargadelos e un lote de libros.