Skip to main content
Chantada

Por Chantada-CUP propón un plan para a conservación do patrimonio cultural de Chantada

Por 5 Maio, 2021Sin comentarios

Por Chantada-CUP defende que o consorcio de turismo da Ribeira Sacra debe especular menos co patrimonio cultural. O partido considera que “a proposta sobre as barcas do Miño evidencia descoñecemento, cando non se conta coa sociedade civil nin se define unha estratexia-marco con viabilidade, e acompaña no tempo o Plan de acción para a paisaxe da Ribeira Sacra que apenas supera os 100.000€ en dúas anualidades e a repartir entre 10 concellos”.

Por esta razón, Por Chantada – CUP aposta por un turismo planificado tanto coas comunidades locais como co tecido produtivo ligado ao turismo. O Consorcio debe facilitar a dinamización dos municipios da Ribeira Sacra, complementando as propostas municipais relacionadas co turismo e non actuar por impulsos e sen planificación. É importante, ademais, que este impulso se fundamente nunha visión holística que envolva os sectores máis dinámicos da sociedade civil e non que sexa dependente, ou servo, das aritméticas partidistas.

Así mesmo, Por Chantada-CUP propón a creación dun Plan Estratéxico de Conservación e Salvagarda do Patrimonio Cultural de Chantada 2023-2030, onde participen as comunidades locais onde se asenta o respectivo patrimonio, consensuado con diferentes entidades asociativas e asesorado por diferentes persoas de recoñecido prestixio no ámbito do patrimonio. Integraríase nunha estratexia local para o patrimonio e o turismo 2020-2030, que se enuncia a través dunha moción ao comezo desta lexislatura como resultado dun demorado proceso de esculca que se desenvolveu dun grupo de traballo de patrimonio na lexislatura (2015-2019).

Por Chantada-CUP promove tamén, como medida de xestión sustentable do patrimonio cultural existente no conxunto do municipio de Chantada, a creación de iniciativas de apoio económico e loxístico directo aos veciños e veciñas para arranxo, mantemento e difusión do patrimonio cultural recoñecido polas persoas de cada comunidade local: festas, feiras, romarías, festivais, certames musicais, palcos da música, banda de música, grupos de música tradicional, mostras de teatro, presas, muíños e fontes, entre outros; ademais daquel patrimonio cultural relacionado coa transmisión oral: toponimia e micro-toponimia, variantes fonéticas e lexicais da lingua, e, en xeral, calquera saber e habilidade relacionada cun oficio tradicional, traballo colectivo ou ben patrimonial que permaneza na actualidade.