Skip to main content
Monforte

Monforte destina 20.000 euros para axudas en material escolar

Por 21 Maio, 2021Maio 23rd, 2021Sin comentarios

A Xunta de Goberno do Concello de Monforte aprobou as bases e a convocatoria das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2021/2022.

Deste xeito, unha vez sexa publicada a convocatoria e as bases no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, xa se poderán solicitar as mesmas, para o cal terán un prazo de 20 días hábiles. Dende o Concello, agárdase que a publicación se leve a cabo ó longo da próxima semana, e serán anunciada na web do Concello.

Para o financiamento destas subvencións, dende o Concello destínase un crédito máximo de 20.000 euros, “que son 2.000 euros máis que o pasado ano, co obxectivo de apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presenta dificultades económicas para afrontar o gasto que supón o obxecto desta axuda, especialmente nun momento no que seguimos inmersos na crise da covid19”, destaca o alcalde, José Tomé Roca.

Esta convocatoria ten por obxecto regular a concesión de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario destinadas ao alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2021/2022  en educación infantil (3-6 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.

Para ser beneficiario/a desta axuda é preciso cumprir uns requisitos na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes: ser pai, nai, titor/a ou persoa encargada da garda e custodia do alumno/a, que a renda per cápita da unidade familiar non supere o 55% IPREM para o ano 2021 (310,69€/mes) en cómputo anual (3.728,28€ ano por persoa), que a persoa solicitante así como os e as menores beneficiarios da mesma, se atopen empadroados e residan efectivamente no Concello de Monforte de Lemos no momento de presentación da solicitude e que a persoa solicitante estea  ó día no pago das obrigas tributarias municipais ou no caso de ter débedas que exista compromiso de pagamento.

A contía máxima das axudas será a seguinte: 150 € para Educación Infantil por cada alumno/a, 100 € para Educación Primaria e por cada alumno/a, 120€ para Educación Secundaria Obrigatoria por alumno/a, 150€ para alumnado matriculado nun centro de educación especial ou en unidades de educación especial de centros ordinarios ou cunha discapacidade superior ou igual ó 65% .

A solicitude formalizarase no formulario normalizado e irán acompañadas da documentación complementaria que requiren as bases, e todo elo poderá ser presentado no Rexistro dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos emprazado na secretaría do Centro Cívico Social, no Paseo do Malecón s/n, no Rexistro Xeral do Concello, no Campo de San Antonio s/n, ou a través da Sede Electrónica municipal (www.sede.monfortedelemos.es).

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación do extracto das bases e convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). As bases  estarán a disposición das persoas interesadas nas dependencias dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos, no Rexistro Xeral do Concello e na páxina web do Concello a partires desa data.