Skip to main content
Monforte

Os mestres do conservatorio de Monforte trasladan ao PP a súa situación

Por 27 Maio, 2021Sin comentarios

Os mestres do conservatorio de Monforte de Lemos, acompañados da voceira do PP monfortino, Katy Varela, mantiveron unha reunión de traballo cos deputados do Grupo Parlamentario do PP, na que lles trasladaron aos integrantes desta formación a tensión que están a vivir a consecuencia das decisións de Tomé, e que incluíron, entre outras medidas, a apertura de varios expedientes por empregar medios propios nas súas clases. 

Malia coincidir coa sesión plenaria da Cámara galega, a deputada Elena Candia, quixo recibir aos docentes, co fin de escoitalos e de buscar solucións que palíen a situación de indefensión na que se atopan. “Lamento profundamente a situación. Nun caso coma este considero que se debe de apostar polo diálogo e non pola imposición”, manifesta a popular.

Os conservatorios en Galicia son de titularidade municipal, como remarcou Candia, pero réxense pola normativa de Educación. Neste senso, Candia comprometeuse a trasladar aos órganos competentes a situación particular de Monforte para que se valore se existe algunha vía de colaboración que poida mellorar o desenvolvemento e funcionamento deste e do resto de centros de formación musical.

Pola súa banda, Katy Varela explicou que xa presentaron o escrito que acordaron cos sindicatos e o resto de grupos da oposición para que o socialista suspenda os expedientes sancionadores e que abra unha mesa de diálogo na que estean presentes os mesmos, ademais do Concello, para elaborar un regulamento común e que se axuste ao que reclaman os docentes.

Tanto a voceira local como a deputada no Parlamento e presidenta provincial ratificaron o apoio do PP ás súas demandas e puxéronse novamente á súa disposición, manifestando ao mesmo tempo o seu rexeitamento ao comportamento de Tomé Roca. Finalmente, os populares agardan que o socialista convoque a todas as partes canto antes para procurar unha normativa que regule o funcionamento do centro e abandone “dunha vez por todas a política de enfrontamento”.