Skip to main content
Monforte

O Parque de Cobas inaugurou a nova iluminación pública

Por 28 Maio, 2021Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou a nova iluminación pública do Parque de Cobas que “permitirá a monfortinos e visitantes ir dende o Parque dos Condes ata a Pinguela ou ata a rúa Cobas por uns paseos totalmente iluminados”.

Na inauguración deste novo alumeado público, que mellora sensiblemente os servizos que ofrece o Parque de Cobas a quen o visita, o alcalde estivo acompañado por diversos membros do Equipo de Goberno municipal.

A actuación foi acometida pola empresa Activa Parques y Jardines S.L., cun custe de 40.083,39 euros, ive engadido. A citada empresa foi a adxudicataria das obras de acondicionamento do Parque de Cobas, que presentou unha oferta por un prezo total de 167.241,21 € (ive engadido), na que se inclúe a partida destinada á mellora da iluminación aludida.

Deste xeito, toda a zona foi dotada dunha instalación de alumeado público da que carecía ata este momento o parque, e está composta por columnas e luminarias tipo LED, con liñas de alimentación soterradas.

O proxecto de acondicionamento dun espazo público no parque do Cobas fora elaborado por unha empresa monfortina e nel descríbense as obras e actuacións necesarias para o acondicionamento de dita zona, situada a carón do río Cabe e da lagoa da Pinguela. Este proxecto concibiuse como continuación deste parque, que foi acondicionado por varios obradoiro de emprego.

Neste senso, o alcalde destaca que “ata hai pouco esta era unha zona con maleza, que empezamos a poñer en valor co traballo da Escola-Obradoiro, e que agora está inmersa nun proxecto integral de mellora a cargo dunha empresa de xardinería”.

Ademais, cabe recordar que recentemente o Concello adquiriu unha parcela de aproximadamente 6.000 m2 para ampliar este parque.

O rexedor municipal tamén anunciou que “en breve este parque de Cobas tamén será mellorado coa supresión dun pequeno establo que se atopa no centro do parque, cuxa supresión permitirá unha mellor comunicación a ambos lados das zonas principais do parque, para disfrute dos nosos cidadáns”.

Para levar a cabo o financiamento destas obras, o Concello asinou un convenio coa Deputación Provincial de Lugo o pasado 3 de decembro de 2019, en virtude do cal o ente provincial asumirá o custe das obras, mentres que o Concello aboará os 4.840 euros correspondentes á redacción do proxecto e a dirección de obra.