Skip to main content
Monforte

Adxudicado o Proxecto de mellora da accesibilidade de Monforte

Por 29 Maio, 2021Maio 30th, 2021Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer a adxudicación do Proxecto de Mellora da Accesibilidade nos edificios e parques municipais de Monforte, que “significa a aposta decidida e continua do Concello de Monforte coas persoas con discapacidade, con dificultades de mobilidade ou de idade avanzada. Somos conscientes, dende o equipo de Goberno, das necesidades de todos estes colectivos e das carencias históricas dende fai anos que detectamos nalgunhas das nosas instalacións e dependencias municipais, e que despois de 40 anos de democracia aínda non foran corrixidas.”

Desta maneira, a empresa monfortina M. Casares, S.L., foi a adxudicataria deste proxecto, ofertando un prezo de 241.250,38 euros. O prazo de execución das obras é de 6 meses dende a sinatura da acta de comprobación de replanteo, que se levará a cabo nos vindeiros días, polo que quedarán rematadas no presente ano 2021.

O proxecto recolle as melloras da accesibilidade dos principais edificios públicos de titularidade municipal de Monforte así como de diversos parques municipais da cidade do Cabe, concretando a definición das obras necesarias para corrixir as deficiencias destes edificios e parques, no que accesibilidade se refire.

O alcalde subliñou que “o noso obxectivo é mellorar a accesibilidade universal nos equipamentos que son de titularidade municipal, para contribuír a unha maior calidade de vida de todos os monfortinos e monfortinas, así como as persoas que visitan a cidade. Para elo, abordamos a supresión das barreiras e obstáculos que dificultan ou impiden o uso de edificios públicos e parque municipais, e especificamos as solucións e as obras que será necesario acometer en cada caso, segundo o proxecto”.

Deste xeito, o “proxecto de mellora da Accesibilidade nos edificios e parques municipais do Concello de Monforte” parte dunha visión xeral da realidade e a situación actual da cidade, para dende aí, recoñecer a situación e importancia urbana de cada un dos edificios públicos e parques municipais que estruturan o núcleo urbano, e que se recollen neste proxecto.

Equipamentos e áreas de actuación obxecto de análise

En concreto, o Plan de Mellora da Accesibilidade do Concello de Monforte céntrase nos parques urbanos e edificios de titularidade municipal de uso público da cidade, recoñecendo a importancia dos mesmos, e tendo en conta as carencias en materia de accesibilidade que presentan, carencias que dende o Equipo de Goberno considerouse necesario solventar.

“En definitiva”, concluíu o alcalde, “a través deste importante proxecto de mellora que comezará a desenvolverse nos vindeiros días, proxectamos e planificamos un futuro sen barreiras na nosa cidade, no que adaptamos os edificios públicos e o medio urbano existentes para, en definitiva, eliminar as deficiencias de accesibilidade que aínda existan no noso Concello. Estou seguro que con este Proxecto, moi pronto Monforte de Lemos será un Concello de referencia en materia de accesibilidade”.