Skip to main content
Pantón

O PSOE de Pantón denuncia a mala xestión dos gastos por parte do Concello

Por 8 Maio, 2021Sin comentarios

O Voceiro Socialista de Pantón, Mario Sánchez denunciou no día de onte a incapacidade xestora do Goberno, “que conta que cun remanente de 2 millóns de euros pero é incapaz de impulsar propostas e iniciativas para mellorar a calidade de vida das nosas veciñas e veciños.

Os socialistas explican que “este ano por fin as veciñas e veciños dos núcleos do Pereiro e Guitara van ter resolto o problema de abastecemento, pero sen tempo non era. Esta dotación chega tarde, mal e arrastro. Por iso preguntamos si tiñamos recursos nas arcas municipais, por que non investiu antes o Concello nas melloras de abastecemento das nosas parroquias?”, preguntan.

Mario Sánchez tamén critica o despilfarro do Goberno do PP, “xa que neste último pleno vimos de presenciar como o Goberno Municipal aprobou un gasto de máis de 25.000 euros para facer modificacións no coñecido como o Bar da Feira, coa intención de colocar a parrilla no interior do local. Estas son as prioridades do Goberno Local do PP de Pantón, colocar unha parrilla nun bar, iso si, pagando todas as veciñas e veciños esta obra”.

Tamén chama a atención outra partida orzamentaria de 100.000 euros, incluída dentro do Plan Único da Deputación, para mellorar o acceso entre o pavillón e a piscina, unha obra que son menos de 100 metros. Ou outros 120.000 euros, que se financian coa aportación conxunta da Xunta, para o acondicionamento do parque infantil do Campo da Feira. “Dúas obras completamente prescindibles e que non demanda ninguén”, advertiu.

Por último, na sesión plenaria o Grupo Socialista demandou “máis investimentos para o rural, melloras na Casanova para que se arranxara o estado da praza. Ou en Guende, onde están a piques de que non lles poidan servir nin o gasóleo polo mal estado do camiño de acceso a algunha vivenda, ou en Ribeiras de Miño onde é unha odisea poder acceder”, por citar algún exemplo.

Abandono completo do nosos núcleos rurais

“No noso Concello constatamos un abandono completo do nosos núcleos rurais, así como un abandono severo no coidado dos camiños e prazas, e todo isto mentres se engordan os remanentes para logo gastalo en obras absurdas e sen interese social real detrás”, replicou Mario Sánchez.