Skip to main content
O Saviñao

As obras da traída a Diamondi contan cun orzamento de 166.000 euros

Por 21 Maio, 2021Maio 22nd, 2021Sin comentarios

O alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, vén de supervisar o desenvolvemento da obras da traída de auga a Diamondi. Trátase dun proxecto importante, pois este núcleo non dispoñía deste servizo, e resposta a un dos compromisos asumidos no programa electoral de dotar ás distintas parroquias dun subministro axeitado e de calidade.

Os traballos contan cun investimento de 166.000 euros, financiados na súa totalidade con fondos do Concello. Segundo as previsións que manexa a entidade local, a finais do verán poderán estar rematados.

“Estamos a facer un esforzo extraordinario por dotar de mellores e de máis servizos aos distintos núcleos de poboación que temos. A traída de augas é unha demanda dos nosos veciños e niso estamos a traballar”, remarca o titular municipal.

O pasado ano, a entidade local acometeu a de Marrube a Vilatán e, neste exercicio, concluirá a da de Diamondi; unha das parroquias de maior poboación do municipio. 

A este respecto, o rexedor avanza que seguirán de preto a evolución destas obras, co fin de que se cumpran os prazos establecidos.