Skip to main content
Taboada

O PSOE reclama que se poñan á venda as parcelas do polígono de Taboada

Por 12 Maio, 2021Sin comentarios

A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero, xunto ao Voceiro do PSOE de Taboada, Roi Rigueira avanzaron hoxe que, rexistraron unha batería de iniciativas parlamentarias, “para reclamar ao Goberno de Feijóo sacar a concurso na maior brevidade, tódalas parcelas posibles do polígono industrial de Taboada, así como realizar todas as actuacións necesarias para rematar este polígono”.

Na iniciativa rexistrada tamén demandan que “se teñen en conta a ACIMTA, así como ás demais empresas interesadas en asentarse no polígono de cara a adecuar o polígono industrial ás necesidades actuais de tecido empresarial de Taboada”.

Patricia Otero advirte que “a nova fase do polígono industrial de Taboada (Lugo), xestionada pola Sociedade Publica Xestur dependente do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) leva anos de retraso co conseguinte risco de que empresas interesadas en asentarse neste polígono decidan finalmente desistir da súa intención e instalarse noutros polígonos industriais”.

Nestes intres temos constancia de que “existen empresas interesadas en instalar a súa actividade neste polígono, que xerarían novos postos de traballo, tan necesarios nestes intres que estamos a vivir nun momento de crise económica derivada da pandemia da Covid-19, non podendo tampouco pasar por alto que  serviría para fixar poboación neste concello”.

A Deputada Autonómica explica que no Concello de Taboada “existe a Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (ACIMTA) que representa a 75 empresas, que é a que mellor coñece as necesidades das empresas que alí se queren asentar e que entendemos que o IGVS debe ter una interlocución directa coa dita asociación, xa que froito deste diálogo permitiríase ter os mellores resultados de aproveitamento do polígono, atendendo as necesidades actuais do tecido empresarial de Taboada”.

Anuncios da Xunta no mes xaneiro

Así as cousas é preciso lembrar que foi “a propia Xunta de Galicia quen avanzou no mes de xaneiro que sacarían á venda no mes de febreiro a totalidade dos terreos que teñen dispoñibles nos seus polígonos industriais. Por iso presentamos esta proposta, xa estamos a mediados de maio e nada se avanzou sobre a nova fase do polígono industrial de Taboada, nin da saída a concurso das parcelas existentes, descoñecendo cales son os problemas de porque no se sacan a concurso as parcelas dispoñibles”, insistiu.

Consenso con ACIMTA

Pola súa banda o voceiro do PSOE en Taboada, Roi Rigueira lembrou que na  última sesión plenaria xa fixo referencia a situación do abandono do parque empresarial. “Por iso mantivemos unha xuntanza de traballo con  ACIMTA (Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada), na que tamén participou a nosa Secretaria Provincial e Deputada, Patricia Otero, e que agora materializase a través destas iniciativas parlamentarias, xa que que foi consensuada coa propiedade entidade, co fin de desbloquear un dos proxectos máis importantes do noso Concello como é o polígono industrial”, dixo.

“Non podemos esperar nin un minuto máis pola creación de emprego no noso Concello, por iso temos que conseguir poñer este parque empresarial en marcha si queremos que a mocidade se asente e traballe no rural, non podemos darlle ás costas, e este polígono industrial ten que ser unha realidade xa”, resumiu Rigueira.