Skip to main content
Sarria

Sarria presenta unha exposición adicada ao trobador Martín de Pedrozelos

Por 1 Maio, 2021Outubro 31st, 2021Sin comentarios

 A Xunta de Galicia contribúe á difusión da figura e da obra do trobador medieval Martín de Pedrozelos no marco do programa O teu Xacobeo, en colaboración coa Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Satiago (APECSA).

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou onte en Sarria na presentación da exposición itinerante que promove este colectivo e financia o Goberno galego con 14.600 euros. Trátase dunha mostra didáctica que recolle as dez cantigas, nove de amigo e unha de amor, desta importante figura da lírica medieval galegoportuguesa que, a dicir dalgúns investigadores, foi orixinario de Samos. 

A exposición comezará o seu percorrido en Sarria, entre o 7 e o 21 de maio, de onde pasará a Láncara; en xuño visitará Paradela e Triacastela; en xullo estará en Samos e O Incio; en agosto no Courel e Portomarín, e en setembro en Pedrafita do Cebreiro. 

A iniciativa O teu Xacobeo, que depende da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, persegue que a celebración deste Ano Santo sexa máis participativa e chegue a todo o territorio. Arias sinalou que as dúas edicións do programa impulsan na provincia de Lugo 96 proxectos socioculturais que mobilizan máis de 2 millóns de euros.

No conxunto de Galicia, desenvolveranse máis de 400 propostas nas que a Xunta está a investir preto de 8 millóns de euros. “Estas achegas -asegurou Arias- permiten sumar centos de accións como esta exposición, que non só poñen en valor o contexto universal do Camiño, senón que amosan toda a riqueza da nosa terra, esa Galicia tan plural e tan rica que esconde, en todos os currunchos, verdadeiras xoias”. 

O obxectivo, concluíu o delegado, “é facer desta celebración tan especial do Xacobeo 2021-2022 a celebración máis viva, segura, integradora, ampla e diversa posible”.