Skip to main content
Sarria

O ritmo de execución crece nas obras da autovía Nadela-Sarria

Por 7 Maio, 2021Maio 10th, 2021Sin comentarios

Estase a intensificar o ritmo da execución das obras da primeira fase de conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria, entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro. As obras que comezaron en novembro do 2020, teñen un prazo de execución de 24 meses e contan cun investimento de case 25 millóns de euros.

Trátase da construción da primeira autovía autonómica da provincia, libre de peaxe, que comeza polo tramo sinalado como prioritario polos técnicos, concretamente 11,5 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro.

Unha vez rematados os traballos de roza e apertura da vía, os labores iniciados a principios de marzo están a verse intensificadas, co acceso da maquinaria pesada e dos medios de transporte para executar obras, que inclúen voaduras controladas.

Máis en detalle, estanse a realizar os traballos de perforado necesarios para as voaduras, que permiten a escavación en material duro, como a rocha. Estase a proceder ao estendido do material achegado para a execución da ampliación nos terrapléns existentes e, en distintos tramos, xa se está a proceder ao posterior estendido da terra vexetal de restauración ambiental nos noiros.

Destaca tamén a execución da cimentación en formigón armado das obras de ampliación dun dos pasos inferiores da vía, así como a construción da cimentación da ampliación dunha obra de drenaxe transversal.

Cómpre lembrar que para avanzar nas obras son necesarios cortes de tráfico puntuais os martes e os xoves a mediodía durante os vindeiros meses. Os peches de circulación en ambos os sentidos efectúanse nestes días da semana, sempre que sexan laborables, entre as 13 e as 15 horas. De modo puntual e con comunicación previa, poderase realizar algún outro corte outros días da semana.

A localización concreta dos traballos que precisen corte varía en función do seu desenvolvemento, aplicándose estes entre o enlace do quilómetro 13 (O Páramo, A Pobra de San Xiao), o enlace do quilómetro 22 (Sarria norte, Morelle) e o do quilómetro 24 (Sarria centro, Paradela). O traxecto alternativo, que se realizará principalmente pola estrada Nadela–Sarria–Monforte (LU-546), estará sinalizado coa necesaria antelación.

Conversión en autovía

Para converter este tramo en autovía estase a executar unha nova calzada paralela á existente, pola marxe esquerda sentido A Pobra de San Xiao, pasando de 1 calzada con 2 carrís actuais a 2 calzadas con 2 carrís por sentido.

As obras do dobramento do corredor entre Sarria e Lugo inclúen tamén a adaptación dos enlaces e dos pasos inferiores existentes, así como a reposición dos camiños de servizo afectados.

O treito de autovía entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro contará, ademais, con valla reforzada en ambos os lados para reducir a accidentalidade causada polo xabaril. Tamén se colocará esa valla pola marxe esquerda, por onde irá a nova calzada, e substituirase a xa existente, no lado que non se desdobra.

O deseño da autovía responde aos criterios técnicos máis exixentes, o que vai permitir facer o percorrido de xeito máis rápido, máis seguro e con maior comodidade, cunha velocidade máxima de 120 Km.

Os obxectivos desta actuación son o reforzo da seguridade viaria, a mellora da funcionalidade e o nivel de servizo da vía de altas prestacións.