Skip to main content

Por Pablo Veiga

Pero vaia se son, aínda que normalmente referímonos ós vinte no canto dos corenta. Neste caso, vén a conto pola efeméride conmemorada recentemente das catro décadas da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia. Foi o seis de abril de 1981 cando o xefe do estado rubricou esta norma institucional básica na que se nos recoñecía como unha nacionalidade histórica e outorgaba a cooficialidade para a nosa lingua, ademáis de conter os símbolos propios, como a bandeira, escudo e himno.

Previamente a esa data, a cidadanía galega aprobara en referendo dito Estatuto nunha fría xornada de vinte e un de decembro, cunha participación raquítica, xa que nin siquera un tercio do electorado votou na consulta. Mais desta foi, a diferenza do  acontecido no trinta e seis; o quince de xullo dese ano, o propio Castelao facía entrega en Madrid da nosa constitución, a cal fora aprobada masivamente polo pobo, que acudira de forma considerable ás urnas. Tres días máis tarde, comezaría a Guerra Civil e aí parou todo. A longa noite de pedra iniciábase coas consecuencias por todos coñecidas e sufridas, uns máis ca outros.

Corenta anos si representan un periodo notable de tempo na vida comunitaria. Estes días, os medios de comunicación  describen a Galicia de hoxe comparada coa de principios dos oitenta. Algúns datos non ofrecen dúbidas: De 55 centros de saúde a case 400; os hospitais quituplicaron o seu número; de haber teléfono no 30 % dos fogares á práctica totalidade; calefacción no 16 % das vivendas por 70 % de hoxe. Poderiamos seguir enunciando melloras substanciais nas infraestruturas, de todo tipo, rede viaria –do tren mellor non falamos-, dotacións culturais, deportivas, educativas, etc. O nivel e calidade de vida do conxunto da poboación aumentou de forma exponencial. Ninguén pode negalo. E nesta positiva realidade influiu o termos a posibilidade de auto gobernarnos. Sen esa ferramenta, seguiriamos a ser parte do que os madrileños denominaban con maneiras despectivas e altivas “As Provincias” ou “A Periferia”.  Non imos entrar en se cumpriría dotármonos de maiores competencias ou incluso dar un paso máis ambicioso, aínda que o debate está aí e non debería esconderse. Un ten claro que o retorno ó anterior centralismo non traería resultados mellores dos que acreditamos na actualidade.

Mais ese aumento xeral do benestar que, insistimos, resulta obvio, non pode impedir realizar outras necesarias valoracións. Así, volvendo a vista catro décadas atrás, o que coñecemos como a Galicia Rural, sendo tamén beneficiaria dese avance, mudou en aspectos xa non tan exitosos. Aquelas aldeas e parroquias ateigadas de cativos e rapaces, a denominada xeración baby boom, transformáronse en lugares cada vez con menos xente, onde os nenos e nenas son unha especie en extinción, a mocidade é escasa e o índice de persoas maiores non deixa de incrementarse. O destino, neste aspecto, semella desolador.

Como será o conto así que pasen outros corenta anos … Admítense e agradécense repostas e teorías á cuestión plantexada. Ou quizais, pensando nos vindeiros vinte temos de abondo. Talvez.