Skip to main content
Muras

Muras inicia unha campaña de promoción a través de fotografías

Por 12 Maio, 2021Maio 13th, 2021Sin comentarios

Foto de Marcos López da fervenza da Xestosa, situada no río do mesmo nome entre Muras e Ourol

Muras inicia estes días unha campaña de promoción do Concello aproveitando a súa recente distinción como Concello Starlight. Trátase dunha campaña a través de fotografías que mostran os lugares recunchos de maior beleza do termo municipal e que leva por título Sentindo Muras.

Así, os locais de hostalaría de Muras, que son os que reciben público doutros lugares, poderán ver expostas ditas fotos nos seus locais mentres desfrutan dun xantar ou unha cea, ou mesmo de tomar un café.

Estas fotografías estarán acompañadas dun código QR que facendo lectura do mesmo lles achegará á zona que representa a fotografía.

Sentindo Muras dará comezo estes días ofrecendo por tanto as mellores capturas de paisaxes, detalles e puntos de interese do Concello. Trátase de imaxes do fotógrafo Marcos López, colaborador habitual das distintas actividades que se levan a cabo.

Como explica o alcalde, Manuel Requeijo, “o obxectivo é fortalecer Muras e dalo a coñecer compartindo os obxectivos básicos da Carta Europea de Turismo Sustentable”.

Así, nestas imaxes poderán verse lugares de interese como a fervenza da Xestosa, ou recunchos imprescindibles da serra do Xistral, baixo cuio paraugas escóndese o Concello de Muras.

Os cabalos serán tamén grandes protagonistas destas improntas, que achegarán estes lugares ao público en xeral e incentivarán a visita a estes recursos naturais tan representativos do turismo sostible.

O autor das fotografías, Marcos López, é habitual colaborador do Concello, onde ten impartidos cursos de fotografía, en especial en distintas accións formativas sobre fotografía nocturna. Conta tamén cunha páxina en redes sociais onde promociona a vila a través das súas imaxes.