Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Abre en Castro o programa de formación da granxa do Campus Terra

Máis dunha vintena de docentes e investigadores do Campus de Lugo, ademais doutros profesionais veterinarios en exercicio e técnicos ligados co sector agropecuario participan nas instalacións da granxa experimental do Campus Terra nun seminario sobre as potencialidades científicas que ofrece un robot de muxido, unha dotación tecnolóxica que contribúe a mellorar a xestión dunha explotación leiteira e favorece a gandería de precisión a partir da captación e análise de múltiples datos.

A primeira actividade formativa promovida pola Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo na granxa experimental do Campus Terra, unha nova dotación posta en marcha grazas a un convenio coa Deputación Provincial de Lugo, está impartida por un técnico especializado da empresa DeLaval, a compañía á que a USC adquiriu este equipamento tecnolóxico a través do que é posible captar todo tipo de datos vinculados á produción, reprodución, comportamento e sanidade dos animais.

O aproveitamento e a posterior análise por parte dos investigadores do Campus de Lugo da ampla información que permite obter este robot de muxido e a conseguinte transferencia dos resultados das investigacións desenvolvidas aos produtores do sector leiteiro, un dos piares da economía luguesa, é un dos cometidos deste programa de formación impulsado desde a USC, segundo sinalou a vicerreitora Montserrat Valcárcel, quen tamén adiantou que as accións de formación específica proxectadas na Granxa Experimental do Campus Terra pretenden servir de acicate para estimular e impulsar as capacidades investigadoras do Campus de Lugo centradas no sector lácteo.

O funcionamento do software Delpro que rexe o robot de muxido instalado na granxa do Campus Terra e as posibilidades de extraer informes de datos con fins investigadores centrou a primeira das tres sesións nas que se estrutura este módulo, que celebrará a súa última sesión presencial o 20 de maio nas instalacións localizadas en Castro de Ribeiras de Lea.

Manexo e benestar animal

O benestar animal e a mellora e optimización dos procesos e do manexo do gando vacún centrará a temática do segundo dos módulos de formación programados na granxa experimental do Campus Terra, cuxas instalacións acollerán o vindeiro 19 de maio un curso sobre software Smartbow que se desenvolverá en quenda de mañá e tarde.

O curso sobre Smartbow, un programa informático tamén adquirido pola USC a fin de fomentar na sede universitaria luguesa novas liñas de investigación orientadas á gandería de precisión e á mellora do manexo de animais e do seu grao de benestar, tamén será impartido por un técnico especializado. Así, os docentes, investigadores e calquera outro persoal técnico que opte para participar neste programa poderá ampliar coñecementos sobre o uso e as prestacións do software Smartbow, que permite a detección temperá de celos ou a xeolocalización dos animais, así como a determinación dos seus tempos de ruminación e descanso.