Skip to main content
Guitiriz

Unha estudante do IES de Guitiriz, finalista do concurso de microrrelatos da RAG

Laura Freire, alumna de bacharelato no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz foi unha das finalistas do concurso de microrrelatos da Real Academia e PuntoGal na categoría xuvenil. Esta rapaza, natural de Aranga, concurso cou traballo Mente asoballada.

Trinta e catro palabras foron dabondo para que Álex Gallego Couñago (2010), alumno do CEIP Manuel Padín Truiteiro de Arcade, se fixese co primeiro premio da categoría infantil do IV Concurso de microrrelatos. A súa historia, titulada Saíndo do túnel, foi a mellor valorada entre os máis de 300 contos presentados por nenos e nenas de ata 11 anos. Na categoría xuvenil, a gañadora do primeiro premio é a ourensá Alba Guzmán Falcón (Ourense, 2003), estudante do IES Eduardo Blanco Amor, cuxo relato de 200 palabras, Bolboreta, competiu con outros 477.

O xurado de infantil e xuvenil, composto pola escritora e membro correspondente da Real Academia Helena Villar Janeiro, polo tradutor e tamén académico correspondente Xavier Senín, a secretaria e a membro do equipo de PuntoGal Edita de Lorenzo e Cristina Ríos, e mais o xornalista Lois Alcayde, decidiron conceder os segundos premios a Niara Cabreirizo Collazo (Moaña, 2013), alumna de 2º de primaria do CEIP de Seara, participante na modalidade infantil cun conto de 33 palabras titulado “Unha mala noite”; e Nayara Alonso Barredo (Vigo, 2004), estudante de 1º de bacharelato do IES Álvaro Cunqueiro, galardoada por “Ela”, de 181 palabras.

O terceiro premio de infantil é para Carmen Mendaña Vázquez (Santiago de Compostela, 2011), estudante do CEIP das Fontiñas, polo relato Papá, de 185 palabras; e na categoría xuvenil recaeu sobre A choiva, unha historia de 130 palabras escrita por Lucía Álvarez Puga (Vigo, 2004), alumna tamén do IES Álvaro Cunqueiro.

O xurado declarou ademais dous finalistas por cada categoría. Na categoría xuvenil, os relatos finalistas son No sorriso do avó de Anxo Vázquez Novo, estudante de bacharelato no Colexio Salesianos (A Coruña, 2003); e Mente asoballada de Laura Freire (Aranga, 2004), alumna tamén de bacharelato no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.

A Real Academia Galega e PuntoGal publicarán os seis relatos gañadores de infantil e primaria xunto aos premiados na categoría de adultos, escritos por Paloma de Toro González (Ourense, 1985), Luca Chao Pérez (Lugo, 1988) e María Cabaleiro Alfaya (Tui, 1993). Poderán lerse proximamente nas páxinas web de ambas as institucións e en relatos.gal, a web do concurso, onde se ofrece toda a información sobre a convocatoria.

As persoas galardoadas recibirán diferentes premios tecnolóxicos, libros e, no caso dos primeiros e segundos premios das categorías de adultos e xuvenil, un dominio .gal gratuíto durante un ano. Luzes agasallará ademais as premiadas na modalidade de adultos cun lote de publicacións da revista, onde tamén se publicarán os relatos gañadores e os finalistas non premiados.