Skip to main content
Guitiriz

Caballero reclama á Xunta unha escola infantil en Guitiriz

Por 12 Maio, 2021Sin comentarios

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo unha xuntanza co Goberno socialista de Guitiriz, encabezado pola súa alcaldesa, Marisol Morandeira, con quen avaliou as necesidades do municipio.

Dende alí, o líder do socialismo galego denunciou que en Guitiriz a Xunta non fixo ningunha escola infantil e só hai un punto de atención do concello con capacidade para 20 nenos e nenas, a pesares de que hai uns 100 menores de entre 0 e 3 anos. E, como reflectiu, en toda Galicia “hai 2.000 nenos e nenas que non teñen praza nunha escola infantil da Xunta para o ano que vén”.

“É a hora de que a Xunta se comprometa coa natalidade, cos nenos e nenas e coas familias”, recalcou Gonzalo Caballero, ao tempo que incidiu en que a Xunta “ten que facer un escudo de protección social” que permita “a conciliación da vida familiar e laboral”, “respaldar a natalidade” e “revitalizar a demografía”.

A XUNTA “DISCRIMINA ENTRE GALEGOS”

Noutra orde de cousas, o líder do PSdeG denunciou que Feijóo “utiliza procesos de non concorrencia competitiva para discriminar á cidadanía e concellos e, deste xeito, beneficiar ao Partido Popular”. Así, criticou a apertura de convocatorias de axudas “ás 00,00 horas que ás 00,09 horas xa están consumidas”. “Son procedementos non competitivos dos que, curiosamente, soe saír beneficiado o PP”, criticou.

“Non pode ser que no século XXI a Xunta non saque as axudas a través de mecanismos de concorrencia competitiva, con criterios obxectivos e que dean igualdade a todos os concellos”, reprobou o máximo dirixente das e dos socialistas galegos, quen subliñou que “cando a Xunta discrimina entre concellos, discrimina entre galegos”.

Fronte a isto, incidiu, atópase o “exemplo” da Deputación de Lugo, onde o seu presidente, José Tomé, impulsou o Plan Único “co que reparte fondos entre concellos con criterios obxectivos e de igualdade”.

“Pedimos ao goberno galego que respalde a xestión dos concellos, dándolle fondos ao municipalismo galego nun ano no que a Xunta recibiu 1.200 millóns de euros do goberno de España de xeito extraordinario para cuestións vinculadas á covid”, subliñou Gonzalo Caballero, quen reclamou “igualdade” e “non discriminar entre gobernos con rexedores do PP ou do PSdeG” porque a veciñanza, independentemente de quen lles goberne, “necesita as mesmas axudas”.

Por todo isto, Gonzalo Caballero adiantou que mañá o Grupo Socialista levará ao pleno do Parlamento unha proposición non de lei, defendida pola deputada Begoña Rodríguez Rumbo, “para que a Xunta deixe de utilizar perversamente estes mecanismos”.

RESPALDO ÁS DEMANDAS DE GUITIRIZ

En canto a Guitiriz, Gonzalo Caballero reivindicou o traballo do goberno socialista encabezado por Marisol Morandeira, que está levando a cabo unha “magnífica tarefa á fronte do concello”, “gobernando para os veciños e defendendo á xente”.

Así, respaldou a “paixón, vocación e ideas” da alcaldesa Marisol Morandeira e o seu equipo que traballa nas “mellores políticas sociais, para as parroquias e para o coidado do medio ambiente”.

No eido das demandas locais, urxiu ao goberno galego a que “coopere” co concello de Guitiriz para facer unha escola infantil pública que permita atender aos menores ao tempo que facilitar a conciliación laboral das nais e pais no municipio.

Doutra banda, o secretario xeral pediu á Xunta que mellore a estrada autonómica LU-242, xa que “se atopa nunha situación lamentable de falla de atención”. “É necesario que a consellería de Infraestruturas cumpra con Guitiriz e actualice e reforme esta estrada”, sentenciou.

Finalmente, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, amosouse “encantada sempre de recibir ao secretario xeral”, a quen lle trasladou as principais demandas, necesidades e proxectos do seu municipio. Así, a rexedora puxo en valor o traballo do dirixente socialista como nexo de unión entre o municipio, o Parlamento de Galicia e o goberno de España.