Skip to main content
Meira

A Deputación licita a prestación de servizos na residencia de Meira

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que a Xunta de Goberno aprobou na reunión deste venres licitar o contrato para a prestación dos servizos básicos do Centro de Atención a Maiores de Meira cun orzamento base de preto de 625.000€. Trátase dun contrato que inclúe os servizos de cociña, limpeza e asistencia e que terá vixencia por un ano, prorrogable por outro.

José Tomé asinou hai 15 días co alcalde de Meira o convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello para a posta en marcha do centro de maiores e a Deputación ten en licitación, por un orzamento de 300.000€, o contrato para a dotación de equipamento das instalacións.

O Centro de Maiores de Meira contará con 30 prazas de residencia, ampliables a 38 se fose preciso, e 20 de centro de día. A Deputación ten previsto abrir este centro no verán. Este ano tamén se prevé a posta en marcha da residencia de Pedrafita do Cebreiro, antes do remate da primavera, e a de Navia de Suarna, de cara a final de ano. Deste xeito, a rede provincial pasaría das cinco residencias actuais -Pol, Trabada, Ribadeo, Castroverde e A Fonsagrada- a oito.

O Presidente subliñou que a Deputación está a cumprir “os compromisos que temos cos concellos en canto a residencias, pero creo que é conveniente recordar que, segundo o Estatuto de Galicia, as competencias en materia de asistencia social son da Xunta de Galicia. A pesar diso, o goberno autonómico non está transferindo nin un euro á Deputación de Lugo para o funcionamento deste servizo”.

Mellora viaria en Guitiriz

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou unha nova actuación na rede viaria provincial, a máis extensa de España, co visto bo do proxecto e a licitación das obras para acometer a mellora da estrada LU-P-2303, que comunica Parga con Santalla, no concello de Guitiriz. A Deputación investirá preto de 64.000€ na rehabilitación mediante rego asfáltico de 3,2 quilómetros desta estrada.