Skip to main content
Axenda Caducada

A literatura e o teatro protagonizan a programación cultural das Pontes

Por 4 Maio, 2021Maio 29th, 2021Sin comentarios

A concellería de Cultura do Concello das Pontes ven de presentar a programación cultural de maio na que a literatura e o teatro ocupan un lugar destacado.

Vicente Roca,  concelleiro de Cultura sinala que “ este mes, ao abeiro da celebración do Día das Letras Galegas, desde a Biblioteca Municipal e o departamento de Cultura, deseñouse un programa a través do que queremos achegar á veciñanza á lectura en galego e aos seus autores e autoras así como á figura de Xela Arias a que neste ano se lle adica o Día das Letras Galegas, sen esquecer o teatro, unha disciplina que conta con moitos seguidores e seguidoras na nosa vila e que nos permiten achegar numerosos valores entre a poboación máis nova desde o lecer”

A programación arrinca o xoves, 6 de maio, ás 18:00 horas, na casa Dopeso, co espectáculo Novos Lobos, de Fantoches Baj, no que se aborda a temática de xénero a través da deconstrución dos contos da literatura popular.  O sábado, 8 de maio, o salón de actos da Casa Dopeso acollerá a presentación do libro “Lugar de incendios” de Paco Souto. Será ás 12:00 horas.

A seguinte semana, o xoves, 13 de maio, a partir das 18:00 horas, na Casa Dopeso, a compañía Trémola Teatro representará a obra Brilla brilla, un espectáculo sensorial para bebés que os/as achegará a valores como a solidariedade e o compañeirismo.

A programación continuará o venres, 14 de maio, coa palestra de Chus Nogueira “Busco a vida entre papeis”, sobre Xela Arias, escritora á quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Xa o sábado, 15 de maio, ás 12:00 horas, o salón de actos da Casa Dopeso acollerá a presentación do libro “O Pau de Ferro” de X. M. Felpeto e pola tarde, ás 18:00 horas, diante do Concello, o Grupo Poético Alalá celebrará o seu Recital Poético de Primavera.

O xoves, 20 de maio, Compañía Eléctrica chegará a As Pontes co seu espectáculo Aibō que propón unha versión diferente do conto popular da Carapuchiña Vermella para ofrecer unha ollada positiva sobre a relación coa natureza e entre as persoas.

O venres, 21 de maio, ás 20:30 horas, a compañía ButacaZero chega ao Auditorio Municipal Cine Alovi coa obra teatral Despois das ondas, unha viaxe pola vida da actriz galega María Casares, exiliada en Francia coa súa familia desde a guerra civil.

O sábado, 22 de maio, a partir das 18:00 horas, na Igrexa de Santa María, a Banda do Conservatorio Municipal e a Banda da Música das Pontes, protagonizarán o concerto Camerata do Eume dedicado a todas as persoas que están na primeira liña da loita contra a pandemia da Covid 19.

Xa a última semana de maio, a programación cultural deseñada polo Concello das Pontes, inclúe o espectáculo de maxia, Hoxe toca maxia de Maxia na manga. Será o xoves, 27 de maio, ás 18.00 horas na Casa Dopeso.

Péchase a programación o sábado, 29 de maio, ás 12:00 horas, no salón da Casa Dopeso coa presentación dos libros de Medos Romero, “Hortensia” e “Peixes que esvaraban ao unísono” e coa actuación de Fuel Fandango, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi.