Skip to main content
As Pontes

Abre o luns o prazo para retirar as invitacións para o festival Bocanoite

Por 23 Maio, 2021Sin comentarios

As invitacións para o festival Sons da Bocanoite que se celebra o próximo 5 de xuño estarán dispoñibles para retiralas a partires do luns 31 de maio en tres modalidades, presencial, telefónica e por correo electrónico.

Estes concertos levantaron unha gran expectación nestes últimos días, pero “as invitacións non se porán antes a disposición do público porque estamos pendentes da evolución dunha situación epidemiolóxica cambiante e queremos ser prudentes xa que non coñecemos os aforos cos que imos poder traballar”, explica o concelleiro de Cultura, Vicente Roca.

O luns 31 de maio e o martes 1 de xuño, as invitacións poderán recollerse de forma presencial na billeteira do Cine Alovi en horario de 12 a 14h. Doutra banda, o mércores 2 de xuño ábrense dúas vías para reservar as invitacións. Estas poderán retirarse no teléfono 981 44 03 44 en horario de 9 a 13 h os días 2, 3 e 4 de xuño. Eses mesmos días pódese facer a reserva por correo electrónico enviando a cultura@aspontes.org cun mail no que se inclúa o nome completo, DNI e teléfono de contacto. As persoas que empreguen esta vía recibirán un correo de confirmación da reserva.

Cada invitación servirá para os catro concertos do festival e cada persoa poderá retirar un máximo de catro invitacións. A apertura de portas será ás 18 h no patio da Santa María e na entrada do recinto entregaráselle a cada persoa unha pulseira identificativa co obxectivo de que poidan entrar e saír do recinto sen necesidade de ter que dar os seus datos cada vez que o faga. Desde o Concello recórdase que no caso de que haxa condicións meteorolóxicas adversas, estas actuacións serán trasladadas ó cine Alovi.

FESTIVAL SONS DA BOCANOITE

No mes de xuño celebrarase a segunda edición do festival Sons da Bocanoite. Este naceu o ano pasado co obxectivo de manter a programación cultural e dinamizar o sector hostaleiro da vila, nun momento marcado polas restricións sanitarias e as limitacións no ocio e na cultura.

Así, segunda edición de Sons da Bocanoite contará ca participación de artistas relevantes do actual panorama musical como Pedro Pastor y los Locos Descalzos, Carmen Boza e Mr. Kilombo, pero tamén pola banda local Astra, que xa participara na primeira edición.

Este ano o festival, que toma o seu nome do momento do día no que cae a noite, celebrarase a partir das 18.30 horas no patio do colexio Santa María cumprindo con toda a normativa de seguridade vixente con respecto á Covid-19.