Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba critica ao goberno local por non ter aprobadas as axudas

A presidenta do Partido Popular da provincia de Lugo, Elena Candia, e o secretario xeral, Carlos Armesto, participaron nunha reunión cos membros da xestora do PP de Vilalba na que puideron comprobar “o traballo serio, responsable e comprometido coas necesidades e intereses dos veciños”. A reunión tamén serviu para coordinar as accións a desenvolver nas vindeiras semanas, analizar a actualidade municipal e o apoio da Xunta aos vilalbeses a través de achegas que superan os 30 millóns de euros nos últimos tres anos.

Os populares vilalbeses avanzan na súa liña de traballo marcado pola colaboración cos veciños, cos distintos sectores e ámbitos de actuación. Tendo en conta algunhas das cuestións que afectan aos veciños nestes momentos, amosaron a súa preocupación pola situación das pequenas e medianas empresas afectadas pola crise e lembraron a falta de vontade política do goberno municipal socialista por chegar a acordos coa oposición para sacar adiante o plan de axudas directas á hostalería. Tamén reivindicaron o Plan de Reactivación Económica, Laboral e Social   presentado polo Grupo Municipal Popular no mes de xuño do 2020 que foi rexeitado completamente polo goberno local e destacaron as “interesantes, efectivas e áxiles” axudas postas en marcha polo Goberno galego. De feito, a Xunta achegou co seu primeiro plan de rescate aos negocios afectados pola pandemia un total de 154 axudas que supuxeron 267.400 euros de axudas directas.

Apoios da Xunta de máis de 30 millóns nos últimos tres anos

A deputada autonómica e presidenta da xestora do PP vilalbés, Sandra Vázquez, engadiu outras importantes achegas da Xunta para o desenvolvemento económico e social de Vilalba durante os tres últimos anos que superan os 30 millóns de euros; algunhas delas dirixidas tamén ao apoio de autónomos coma os máis de 220.000 euros que recibiron 62 traballadores no 2019.

Vázquez sinalou que “ademais de financiar o funcionamento dos servizos de titularidade autonómica como son a sanidade ou a educación, a Xunta investiu importantes cantidades en Vilalba. Algúns exemplos son os máis de 650.000 euros para a mellora da travesía da antiga LU-126 ou os máis de 198.000 euros para a renovación da rede de abastecemento da rúa Bispo Rouco Varela e Avenida Terra Chá  no ano 2019 ou os máis de 33.000 euros para a mellora de infraestruturas públicas coma o parque infantil da praza da Constitución o pasado ano 2020 que se engaden a outros 30.000 achegados no 2018 coa finalidade de acondicionar parques públicos. Supera o medio millón de euros o investimento na área de rehabilitación integral de Vilalba.

A Xunta tamén achegou máis de 23.000 euros para o acondicionamento dunha aula para comedor na Escola de Educación Infantil entre outros investimentos en ámbito coma o emprego, a igualdade ou o rural que recibe importantes achegadas da PAC e se beneficia do Plan Marco de mellora de camiños. Así mesmo, Vázquez indicou que “a Xunta dirixe arredor dun millón de euros cada ano ao Concello da man do Fondo de Cooperación Local”.

Máis colaboradores

Sandra Vázquez explicou que “os distintos grupos de traballo que coordinan os meus compañeiros da xestora están a incorporar novos colaboradores que axuden a medrar ao noso proxecto e aporten ideas en relación a cada ámbito de actuación”. Por iso, a presidenta da xestora convida “a tódolos veciños que queiran a achegar as súas propostas e poñerse en contacto con nós”. Así mesmo, a popular agradece “a vontade colaboradora de todos e todas”.