Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba aposta por dirixir os fondos europeos a impulsar o centro de día

Por 12 Maio, 2021Sin comentarios

O Partido Popular de Vilalba insta ao goberno local a “poñerse a traballar de xeito inmediato na elaboración dun proxecto serio para a dotación dun centro de día que permita optar aos fondos europeos Next Generation cando sexa o momento. Non podemos deixar pasar a oportunidade de traballar e apoiar un servizo necesario para o municipio”.

Os populares amósanse favorables a esta proposta e propoñen, ademais, establecer “un novo modelo asistencial de atención aos maiores máis personalizado dando resposta ás necesidades que se presentan a consecuencia da pandemia da covid-19”. Engaden, así mesmo, que “o centro de día debe estar encardinado nun plan de atención aos maiores tamén en todo o rural de Vilalba”. Nese sentido, recordan que “o noso programa electoral xa recollía dar prioridade ao achegamento dos servizos ao rural en lugar da súa concentración no casco urbano”.

O Grupo Municipal do PP cre que “o goberno local debe contar con todo o tecido social de Vilalba e con tódolos grupos políticos” porque, segundo explican, “un proxecto destas características precisa dunha importante dotación orzamentaria; pero, ata o momento, o goberno municipal non foi quen de elaborar nin pactar uns presupostos”. Ademais, “estamos a ver o grave problema que amosa para incorporar remanentes e sacar adiante o plan municipal de axudas á hostalería”.

Os populares entenden que a Xunta coñece a realidade de Vilalba, un concello extenso con núcleos diseminados de poboación e cun envellecemento pronunciado, e que prestará a colaboración necesaria para o desenvolvemento deste programa de atención aos maiores do noso municipio.

Sobre a ubicación dos servizos, lembran dende o Grupo Municipal Popular que “a Xunta xa manifestara a súa intención de ceder ao Concello as instalacións da estación de autobuses. E, no rural, existen moitas instalacións públicas en case tódalas parroquias nas que se poden establecer servizos”.

“Non se pode deixar pasar unha oportunidade tan extraordinaria. Cóntase coa disposición da Xunta coa cesión da estación de autobuses e con centros sociais nas parroquias que podían acoller esta prestación”, indica Agustín Baamonde, que insiste en que “esperamos que o Goberno local saiba estar á altura das circunstancias e cumpla unha demanda que é tan necesaria para Vilalba”.