Skip to main content
Vilalba

O Concello de Vilalba urxe á Xunta o centro de día

Por 14 Maio, 2021Maio 15th, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Vilalba aproveita a visita do delegado territorial da Xunta para demandarlle de novo “un compromiso concreto e urxente co moi necesario centro de día”. “O goberno autonómico ten que asumir as súas competencias, é unha prioridade que non chega despois de anos de promesas incumpridas”, afirma Elba Veleiro.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, recibiu hoxe no concello ao delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, co que falou de diferentes temas que afectan ao municipio cunha prioridade urxente enriba da mesa: o centro de día.  

“Falamos dunha necesidade básica, é unha competencia autonómica e esiximos un compromiso claro e concreto, con datas a curto prazo e partidas económicas, para poñer en marcha o centro de día no noso municipio”, afirma Veleiro.

“A Xunta recoñece esa necesidade pero ten que actuar e debe asumir as súas competencias da maneira que considere máis oportuna, ben sexa a través dos fondos europeos Next Generation que reciba Galicia ou ben a través doutras partidas, pero necesitamos o centro de día xa”, asevera a alcaldesa.

“O centro de día de Vilalba é unha prioridade e unha necesidade para un concello con máis de 14.000 habitantes, os nosos veciños e veciñas teñen que irse a municipios limítrofes se queren acceder a un servizo deste tipo”, apunta.

“Os concellos asumimos moitas competencias impropias, como tivemos que facer aquí coa xestión do comedor da escola infantil, pero no caso do centro de día a solución ten que vir da Xunta, como así o anunciaron nos últimos meses noutros concellos máis pequenos pero da mesma cor política que o goberno galego”, engade Veleiro.

A alcaldesa tratou tamén recentemente este tema co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e pedirá unha reunión o antes posible con Fabiola García, conselleira de Política Social.

Elba Veleiro aproveitou a visita de hoxe de Arias para lembrar outros temas pendentes, como a reforma dos dous quilómetros da estrada LU-119 (entrada ao núcleo urbano desde Lugo), a necesidade de incrementar a aportación da Xunta ao Servizo de Axuda no Fogar, e os permisos que o concello demandou hai meses á Dirección Xeral de Patrimonio para poder renovar diferentes viais e camiños de Vilalba e dos que aínda nada se sabe.

Elba Veleiro puxo de relevo, “como así o levamos facendo desde o inicio da lexislatura”, a importancia de que as distintas administracións “sumen para o ben da veciñanza, deixando a un lado intereses partidistas”.

SINDICATO LABREGO GALEGO

Por outra banda o SLG pediulle ao Concello de Vilalba que apoie o plan para o coidado de persoas maiores diante da unanimidade dos partidos políticos

Dende que o Sindicato Labrego Galego rexistrou senllos escritos remitidos ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, e á conselleira de Política Social, Fabiola García, solicitándolle a elaboración dun plan de dotación de centros de día para Vilalba, o apoio de diversos partidos políticos municipais non deixou de sucederse. “Dende o SLG, tivemos constancia, do seu acordo coa proposta, do Partido Popular e de Vilalba Aberta”, din.

O SLG anima ao Goberno de Vilalba a coordinar todos estes pulos e a poñerse mans á obra para redactar unha proposta para presentarlle á Xunta co apoio integral das forzas políticas vilalbesas. “Ademais, pensamos que sería interesante abrir un proceso participativo para que a cidadanía vilalbesa, a través dos colectivos e asociacións municipais máis representativas, dilucidase cales son as principais necesidades que se deben cubrir a través deste plan e a través de que proxectos concretos. Así llo comunicamos á alcaldesa, Elba Veleiro, a través dun escrito rexistrado no Concello”, explican.

“Dende o SLG, aledámonos da boa disposición da Xunta a unha demanda histórica do pobo de Vilalba. Diante desta confluencia de distintas forzas políticas e institucionais cara a un mesmo obxectivo, que é o de dotar de servizos públicos de calidade o coidado e benestar das persoas maiores en Vilalba, dende o SLG animamos ao Concello a iniciar as xestións necesarias para que sexa posible, contando coa voz e participación da sociedade vilalbesa no proceso”, engaden.