Skip to main content
Vilalba

Abre o prazo de solicitude das axudas destinadas a Protección Civil

Por 14 Maio, 2021Sin comentarios

A Xunta vén de publicar no DOG a resolución da orde de axudas para financiar os gastos das agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios, que na provincia de Lugo benefician a 33 entidades e suman unha contía de 55.000 euros.

As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.

As achegas aprobadas benefician a entidades de Protección Civil da Mariña (Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro); a Zona Sur da provincia (Chantada, Folgoso do Courel, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada); A Terra Chá e Meira (Guitiriz, Meira, Pol, Ribeira de Piquín, Riotorto, Vilalba e Xermade); A Montaña (Cervantes, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz); a comarca de Lugo (Friol e Portomarín) e tamén ás AVPC de Palas de Rei e O Incio.

A Xunta investiu preto de 120.000 euros desde 2009 a apoiar o labor desta formación con achegas económicas e material, entre o que se inclúe unha carpa, dous desfibriladores, unha embarcación pneumática de catro metros, un esparexedor de sal, un vehículo pick-up, un remolque de emerxencias e tres terminais de radiocomunicación TETRA con GPS, así como dous traxes e unha pértega para eliminar niños de velutina.

A convocatoria que vén de resolverse complementa outros programas do Goberno galego para mellorar os medios de emerxencias dos concellos de menos de 50.000 habitantes. Así, ademais das axudas directas para colaborar cos gastos de funcionamento, a Xunta reforza o material de emerxencias das AVPC coa convocatoria anual para facilitar equipamento como vehículos todo terreo e pick up, remolques de emerxencia, tendas de campaña, quads, embarcacións pneumáticas, equipos de excarceración ou esparexedores de sal, entre outros.

Ademais, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), os voluntarios destas agrupacións e os profesionais dos distintos servizos de emerxencias reciben formación neste eido.