Skip to main content
Vilalba

Guitiriz presenta o primeiro festival de Poesía Guitirica

Por 26 Maio, 2021Sin comentarios

Celebrarase o 12 e o 13 de xuño no Campo da Feira de Guitiriz. O día 7 de xuño terá lugar a presentación do evento e a inauguración dunha exposición sobre a vida e obra de Xela Arias. Haberá recitais poéticos en diferentes puntos das rúas da vila nas xornadas do sábado e o domingo.

O Concello de Guitiriz, coa colaboración de Nova Poesía Guitirica, organiza o primeiro festival de Poesía Guitirica que se celebrará o 12 e o 13 de xuño no Campo da Feira de Guitiriz e que conta cunha programación que abarca desde roteiros a música ou recitais de poesía.

A presentación aos medios do festival terá lugar o 7 de xuño ás 12 horas na Casa Habanera e ese mesmo día tamén se inaugurará alí unha exposición sobre a vida e obra de Xela Arias baixo o título Aquela nena de Sarria.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, fará o saúdo institucional ás 12 horas e o pregón terá lugar ás 14 horas a cargo de Alfonso Blanco Torrado, impulsor de Xermolos e da posta en valor de Díaz Castro entre outras moitas cousas.

Durante estas dúas xornadas haberá presentacións literarias como a da revista NPG GAzeta, as palestras sobre Carvalho Calero e Xela Arias, e os libros Poema da rúa das aves de Miguel Barrera, Abril de Luz Darriba, Abecedario do país das albarizas de Xulio Pardo de Neyra, Lareira de Soños, de Pas Veres, Versos do desasosego de Ana Barral, Non estamos preparados para medrar de Teresa Ríos Noya e Bambán de vento de Hortensia Bautista.

A música e a poesía estarán presentes durante todo o festival coas actuacións da Escola de Música e da UNED Sénior da Coruña, o concerto de Corredores de Sombra e o recital poético musical de Paco Rivas e Tono. Ademais, haberá recitais poéticos en diferentes puntos das rúas da vila nas xornadas do sábado e o domingo, co obxectivo de achegar a poesía a toda a cidadanía.

O domingo ás 10:30 horas realizarase o roteiro de Díaz Castro, guiado por Raúl Río e no que participarán tamén os rapaces e rapazas do IES Díaz Castro.

O domingo ás 19 horas, como peche do festival, terá lugar a entrega de premios conxunta do certame poético Vilariñas, presentado por Luz Airado, e do premio Xosé María Díaz Castro, presentado pola concelleira de Cultura, Ainara Pérez. No acto haberá tamén actuará Eugenia Sanmartín.

Agrupacións participantes

Ao longo do festival participarán, tanto nos recitais poéticos como nas presentacións literarias, integrantes de diferentes agrupacións poéticas de todo o territorio galego como son: Nova poesía guitirica, Nómades do verso, Versos de area, Irmandade luso galaica, In Nave Civitas / urbano Lugrís, Moraima /a grafía da emoción.