Skip to main content
Axenda Caducada

Ribadeo acolle unha exposición fotográfica sobre o galeón

Por 17 Xuño, 2021Xullo 4th, 2021Sin comentarios

A exposición O galeón de Ribadeo. Unha vista ao século XVI poderase visitar na oficina de turismo de Ribadeo  e trátase dunha mostra das fotografías tomadas no curso da investigación que se leva a cabo na ría de Ribadeo desde hai varios anos. 

A exposición estará aberta ata o día 4 de xullo nos horarios de apertura da oficina de turismo, todos os días de dez a dúas e de catro a sete. Está previsto que, ao rematar, as fotografías poidan verse nas instalacións do Club Náutico de Ribadeo.

“Este é un dos grandes xacementos localizados ata o momento da súa época e que está a achegar unha importante información arqueolóxica, relevante pola súa exclusividade. O estudo do galeón de Ribadeo é unha actividade científica na que están implicadas diversas administracións, entidades científicas e equipos de investigación de diferentes institucións e países, que inclúe, entre outros aspectos, unha sistemática documentación de todo o labor de estudo que se está a desenvolver”, dixo o arqueólogo investigador Miguel San Claudio, quen lidera a investigación do pecio coñecido como Santiago de Galiza.

Engadiu que “aproveitando que a fotografía é un dos principais recursos dos investigadores e investigadoras, fíxose unha coidada selección das imaxes obtidas para ofrecer unha visión xeral do estudo do Galeón afundido fronte a Ribadeo. As imaxes amosan tanto o proceso de estudo e investigación como as pezas e mesmo obxectos cotiáns da vida a bordo que se recuperaron, etiquetaron e inventariaron, o que ofrece unha visión única sobre a vida a bordo dun galeón español do século XVI e, sobre todo, sobre o traballo de investigación que se ven levando a cabo na ría de Ribadeo”.