Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

O mellor percebe, o da Mariña?

Por 21 Xuño, 2021Sin comentarios

Durante o mes de xullo, Xove e Rinlo acollen senllas festas de exaltación deste produto do mar, un dos máis apreciados.

Na Mariña Lucense desfrutamos coas celebracións. Mostra disto son as numerosas festas que neste destino teñen lugar ó longo do ano con todo tipo de temáticas: relixiosas, gastronómicas ou culturais. Pero un dos produtos máis apreciados na  gastonomía mariñá é o percebe. E non é para menos xa que este crustáceo nace nas rocas das costas, onde a auga do océano bate con forza e os  percebeiros aventúranse na súa recollida, practicamente xogándose a vida. Por iso, en varios puntos da comunidade celebran este exquisito manxar.

En Xove esta festa gastronómica celebrase a mediados de xullo, e cumpriu no ano 2019 a súa oitava edición. Está organizada pola Asociación de Festexos a Medorra e o Concello, e reparte en cada edición máis de 1.500 racións, arredor de catrocentos quilos deste apreciado marisco.

Tamén en Rinlo celébrase a festa do percebe da man da agrupación de mariscadores de Rinlo e no ano 2019 acadou a décimo sexta edición e repartiron sobradamente os 750 kilos que había preparados para ofrecer.

Estas dúas festas lévanse a cabo en carpas instaladas para a ocasión, e o produto procede das lonxas da zona onde se venden os máis grandes e mellores percebes dos cantís da Mariña e Ortegal. A festa comeza ao mediodía e dura toda a xornada, alternando distintas actividades como charangas, discoteca, actividades infantís, obradoiros e teatro. Ademais cada ano conta con máis afluencia é maior participación da veciñanza da Mariña.

O percebe galego, debido á riqueza nutritiva das augas de Galicia, é máis groso e escuro que o de Marrocos, e ten a uña máis avermellada e con menos placas que o percebe do Canadá que é doutra especie parecida, facendo toda esta suma que sexa dunha gran calidade.

Os percebes da Mariña son unha auténtica delicatessen pois son recollidos na súa gran medida nos cantís das costas do municipio e teñen un enorme sabor a mar.

Esta alta calidade do produto ten que ver coas zonas nas que se crían de moita ondada, o que fai que adquiran un calibre máis groso e de menor lonxitude para manterse agarrados ás rochas, que os converte á súa vez nunha exquisitez.

O mestre Álvaro Cunqueiro dicía no seu libreo A cociña galega que “agora andan moi escasos, e máis caros que a langosta ou a centola, ou as ostras. Os que ún chega a xantar son pequeneiros, apenas se pode levar á boca máis que unha miñoquiña colorada, e todo o que se para é auga salada. Pero de cando en vez, de San Cibrao, dos farallóns orteganos, do Fisterre ou de Corrubedo, chegan á mesa na que está ún sentado uns percebes coma o pulgar dun carpinteiro… eses percebes xustifican unha longa espera, unha golosa espranza”.